Reclaman máis seguridade no Hospital do Salnés tras un grave incidente en Urxencias
Por Redacción
Nunha nota remitida conxuntamente pola Unión Sindical Obreira FTSP-USO e a Federación de Traballadores de Seguridade Privada alértase da situación na que se atopa o servizo de Urxencias do Hospital do Salnés, agravada tras o último suceso.
Relatan que na madrugada do pasado mércores 20 de xullo un individuo alterou a orde en Urxencias esgrimindo unha arma branca e ameazando de morte aos usuarios e persoal do hospital. Neses momentos, un único vixiante de seguridade estaba de servizo.
O individuo tentaba agredir a un médico cun coitelo co fin de esixir que o examinasen, mentres esnaquizaba o que atopaba ao seu paso na zona de recepción de Urxencias do Hospital do Salnés.
Explican que o membro do equipo de seguridade das instalacións xunto co resto de persoal que atendía nese momento só puido refuxiarse ata a chegada de varias patrullas dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, que lograron reducilo. Despois de proceder á súa sedación, pasou a noite en Urxencias e posteriormente foi trasladado ao Hospital de Pontevedra.
Neste sentido, a FTSP-USO lembra que xa advertira das graves deficiencias en número de efectivos de vixilancia en toda a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, e do risco que isto supón para a seguridade de usuarios e persoal sanitario, ademais de reclamar máis medios de protección para os vixiantes de seguridade adscritos a estes centros.
Desde a unión sindical informan de que, por medio do Comité de Empresa da firma adxudicataria do servizo de seguridade, xa solicitaron a actualización dos protocolos de seguridade e unha reunión co Sergas para tratar unha implementación de persoal e medios de defensa ante a actual repunta de agresións no Complexo Hospitalario.
Relacionadas:
-
"Xa non podemos máis", cinco sindicatos da Xunta de Persoal da área sanitaria de Pontevedra-Salnés dan un ultimato
Por Redacción |
-
Reclaman máis seguridade nos hospitais de Pontevedra ante o repunte das agresións
Por Redacción |
-
Un vixiante de seguridade de Montecelo sofre unha brutal agresión preto de Urxencias
Por Anxo Lourido |