Vinte familias acoden ao novo servizo de información sobre axudas á vivenda de Cuntis no seu primeiro mes
Por Redacción
O primeiro mes de funcionamento do novo servizo de información sobre axudas á rehabilitación compra ou aluguer de vivenda de Cuntis xa deixa un balance positivo da atención suscitada entre a poboación.
Segundo a información facilitada polo Concello de Cuntis, desde as súas instalacións no centro de formación ocupacional da Ran atendeu no seu primeiro mes a máis de 20 familias e persoas interesadas.
Durante este primeiro mes, a maioría das consultas foron para pedir información sobre as axudas para a mellora da eficiencia enerxética e a tramitación do bono aluguer para a mocidade.
O bono aluguer de financiamento estatal e xestionado pola Xunta de Galicia ten previsto chegar a beneficiar a preto de 4.000 mozas e mozos galegos de menos de 35 anos, cunha achega de 250 euros ao mes. No caso de Cuntis o alugueiro máximo permitido para optar á axuda será de 400 euros ao mes.
En relación coas axudas para a mellora da eficiencia enerxética, o Concello lembra que o Plan Estatal de Vivenda 2022-2025 e os fondos europeos que se tramitan a través do Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia están centrados na mellora da eficiencia enerxética e da accesibilidade.
Ademais, pola condición de Cuntis como concello integrado dentro do Plan de Reto Demográfico, será posible que a veciñanza acceda a axudas de compra de primeiras vivendas dentro do ámbito do concello con achegas públicas de ata 10.800€.