Unha persoa falece e outra é evacuada en helicóptero tras chocar unha embarcación de recreo cunha batea na Illa
Por Diego Espiño
Tráxico accidente marítimo o acontecido este sábado 23 de xullo na ría de Arousa.
Unha persoa faleceu e outra foi evacuada con prognóstico grave en helicóptero tras chocar unha embarcación de recreo cunha batea.
Segundo informa o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, na embarcación viaxaban cinco ocupantes.
Todos eles foron evacuados a terra ata o peirao do Xufre, na Illa de Arousa, onde se concentrou o dispositivo de emerxencia con ambulancias do 061 e tamén o helicóptero de Urxencias Sanitarias, participando ademais efectivos de Emerxencias de Cambados, Policía Local, Garda Civil, Gardacostas de Galicia e Salvamento Marítimo.
A persoa ferida de maior gravidade, explica o 112, foi evacuada polo helicóptero Pesca I dos Gardacostas ata o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
#AXEGAInforma dunha embarcación de recreo que chocou contra unha batea cando navegaba pola #IllaDeArousa con cinco tripulantes a bordo. Como consecuencia, unha persoa faleceu e outra foi evacuada polo Pesca I de @GardacostasGal ata o Hospital Álvaro Cunqueiro. (1/2) pic.twitter.com/g7iQy2atUc
— 112Galicia (@112Galicia) July 23, 2022
O suceso, aínda que non relacionado, coincidiu no tempo cunha xornada de festexos na Illa, que celebraba a procesión marítima do Carme.