Cinco catadores profesionais para avaliar aos participantes da IX Festa do Viño de Vilaboa
Por Redacción
A IX Festa do Viño de Vilaboa xa está na súa conta atrás para a súa celebración en Riomaior a vindeira fin de semana, o sábado 30 e o domingo 31 de xullo. Nestes días previos á festa, a organización empeza a facer públicos novos detalles do evento e este luns anuncia que cinco profesionais do sector do viño serán os responsables de avaliar a calidade dos caldos.
A festa inclúe a III Cata Profesional das adegas da IXP Ribeiras do Morrazo, que se celebrará en Riomaior, e o xurado estará composto por tres homes e dúas mulleres de recoñecido prestixio.
O xurado estará presidido por José Manuel Fernández Castro, do Servizo de Industrias, Calidade e Cadea Agroalimentaria da Consellería de Medio Rural. Tamén catarán os viños Luis Paadín e Alejandro Paadín, autores da Guía de Viños de Galicia, sumilleres e membros da Asociación de Sumilleres de Galicia, entre outras entidades; Lucía Dopazo, enóloga da adega Santiago Ruiz; e Bárbara Rodrigo, asesora enolóxica.
A cata está prevista para o sábado 30 ás 12.00 horas da mañá e desenvolverase de xeito paralelo ao concurso-cata dos viños participantes.
Na Festa do Viño de Vilaboa daranse cita sete viticultores locais e cinco adegas da IXP Ribeiras do Morrazo, unha delas de Vilaboa.
Elisa Ruibal García de Casa da Boullosa; Manuel Conde Conde, Manuel Collazo Fernández e José Blanco Martínez de Quinteiro de Sabela; Jesús Amoedo Leiro de Casa da Torre; Manuel Rúa de Casa Quinteiro; Martín Torres González de Casa Cañoteira; Adega Reboraina (Redondela); Adega Ardán (Marín); Adega Mosteiro de Poio (Poio); Adega Videiras no Mar O Hío (Cangas); e Guillermo Martínez Pintos de Adega Os Areeiros compartirán a súa produción vinícola con todos os que se acheguen a Riomaior .
A Festa do Viño contará tamén cun pregón a cargo do periodista deportivo Terio Carrera.
Ademáis dos postos das adegas para a degustación dos viños, o recinto de Riomaior acollerá un servizo de bar a cargo da cafetería O Toxo de Vilaboa e os irmáns Iván e Jorge González, de Pulpería Selecta, encargaranse de que non falte polbo á feira durante toda a fin de semana.
Tamén haberá artesanía e as palilleiras locais farán un obradoiro a partir das 19.00 horas do sábado.
Relacionadas:
-
A Festa do Viño de Vilaboa apostou polo produto local
Por Redacción |
-
Sete viticultores locais e cinco adegas do Morrazo participarán na Festa do Viño de Vilaboa
Por Redacción |
-
Os viños de Ribeiras do Morrazo exhiben a súa calidade en Marín
Por Redacción |
-
Vilaboa fará este sábado unha proba piloto para as Festas do Viño e do Mar do ano vindeiro
Por Redacción |