Sanxenxo non asistirá ao cumio de municipios afectados pola seca no Lérez "por falta de confianza"
Por Natalia Puga
"Por falta de confianza". Esta é a razón que dá o Concello de Sanxenxo para non asistir á reunión convocada polo Concello de Pontevedra para este martes 26 de xullo para abordar a situación de seca que afecta á bacía do río Lérez. Están convocados tamén Poio, Marín e Bueu, concellos todos eles, xunto con Pontevedra e Sanxenxo, que se abastecen de auga a partir do Lérez.
O Concello de Sanxenxo confirma que si que asistirá á reunión que vai convocar Augas de Galicia para abordar as medidas de aforro e coñecer as previsións para as próximas semanas.
Segundo informan este luns, o mércores 20, cando a Xunta declarou a situación de prealerta, o alcalde de Sanxenxo xa solicitou a Augas de Galicia unha reunión cos concellos para coordinar medidas e coñecer a situación con detalle.
Ademais, critican que o xoves 21 os concellos xa tomaron medidas para reducir o consumo de auga, agás Pontevedra que "decidiu esperar 6 días".
Desde o Concello de Sanxenxo amosan o seu malestar porque un día antes de convocar esta reunión, a concelleira responsable do Ciclo da Auga en Pontevedra, Carme da Silva, aproveitou a súa comparecencia sobre a situación do río para acusar a Sanxenxo de non querer pagar o custo da auga. "Nin era o día e, ademais, tampouco é certo porque ata o de agora a xustiza nunca lles deu a razón", sinalan.
Esta convocatoria de cumio municipal é, ademais, unha reunión excepcional que nunca se convocou e desde Sanxenxo lembran que "Pontevedra carece de competencias para facelo, aínda que isto é o de menos".
As súas críticas tamén van destinadas á forma de convocatoria, pois a reunión convocouse por un escrito que cuestionan que chegou aos medios de comunicación antes que aos concellos e sen que previamente houbese unha chamada do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, aos seus homólogos.
A convocatoria di que se tratarán "as medidas excepcionais que se propoñen por este Concello no correspondente Plan de medidas elaborado polos servizos técnicos municipais". Desde o Goberno local de Sanxenxo consideran que os termos utilizados "xa deixan de lado calquera proposta que puidésemos facer o resto de concellos".
"Unha vez máis, o goberno de Lores elixe unha posición de superioridade sobre o resto de concellos que nos abastecemos do Lérez", critica o comunicado emitido pola Alcaldía de Sanxenxo, que encabeza Telmo Martín.
O Concello sanxenxixo lembra tamén que este municipio recibe auga, practicamente nas mesmas proporcións, dos ríos Lérez e Umia e que "nunca" tiveron o máis mínimo problema en relación co Umia porque "entre os concellos existe unha relación de colaboración e respecto". Con todo, Pontevedra "en lugar de buscar solucións, mediante un diálogo sincero e frutífero cos concellos, aproveita a seca para sinalar culpables".
Relacionadas:
-
Os concellos que se abastecen en alta do Lérez constitúen un grupo de seguimento e prevención
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Concello de Pontevedra anticípase ao nivel de alerta por seca decretando "medidas excepcionais"
Por Oskar Viéitez |
-
Reunión urxente entre a Xunta e seis concellos da área de Pontevedra para abordar a seca no Lérez
Por Natalia Puga |
-
ENCE aplicará un ERTE aos seus traballadores en Pontevedra ao deter a produción pola seca
Por Alejandro Espiño |
-
A seca prolongada leva a Marín a pechar as duchas, lavapés e lavamans nas praias
Por Redacción |
-
Cumio municipal en Pontevedra ante a situación de alerta pola seca no Lérez
Por Alejandro Espiño |
-
A escaseza na reserva de auga obriga a elevar o nivel de alerta pola seca
Por Alejandro Espiño |
-
Medidas contra a seca en Sanxenxo: restrinxe o uso de auga para piscinas, lavado de coches e lavapés das praias
Por Redacción |
-
Carme da Silva alerta da "incompatibilidade da permanencia de Ence co abastecemento" de auga á poboación
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |