"Ben encamiñada" a investigación da agresión grupal nocturna a un mozo en Michelena
Por Natalia Puga
A investigación policial que a Brigada de Policía Xudicial da Policía Nacional de Pontevedra mantén en marcha desde a semana pasada para aclarar a brutal agresión grupal que sufriu un mozo de madrugada na rúa Michelena está "ben encamiñada", aínda que de momento non se realizaron detencións de ningún agresor.
O novo comisario provincial de Pontevedra, Juanjo Díaz Jiménez, confirmou este mércores a información adiantada por PontevedraViva sobre esta agresión. O responsable policial confirma que "segue unha investigación en curso" e vai por bo camiño, pero descarta confirmar máis datos a nivel oficial.
Segundo puido saber este xornal, a agresión produciuse sobre as catro da madrugada do xoves 21 ao venres 22 de xullo, a semana pasada. Ocorreu na rúa Michelena e, segundo fontes extraoficiais, podería ter relación cun roubo.
O mozo, que ten 35 anos, foi agredido por un grupo de persoas aínda sen identificar. Durante a agresión acabou caendo ao chan e sufriu un forte golpe na cabeza polo que se constatou que sufriu unha lesión de gravidade.
Dada a gravidade das lesións, tras recibir unha primeira asistencia no Hospital Montecelo, foi derivado desde alí ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde ingresou na unidade de coidados críticos. Este xornal puido confirmar que este mércores, seis días despois da agresión, continúa ingresado na UCI con prognóstico grave.
Os investigadores están a se entrevistar con posibles testemuñas para poder localizar aos autores. Xa revisaron as gravacións de cámaras de seguridade da zona.
Relacionadas:
-
Cinco detidos en relación coa brutal agresión grupal en Michelena, un deles enviado a prisión
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
O novo comisario da Policía Nacional márcase como reto atallar a ciberdelincuencia e confirma un "pequeno descenso"
Por Natalia Puga |
-
Investigan unha agresión grupal a un mozo que leva cinco días no hospital en estado grave
Por Natalia Puga |