A Deputación pide cartos a Europa para ampliar a rede de estacións meteorolóxicas
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra solicitará financiamento do programa Life da Unión Europea para unha segunda fase do proxecto Viñas Atlánticas, co obxectivo de estendelo a toda a provincia e darlle cobertura a todos os viticultores das cinco subzonas da Denominación de Orixe Rías Baixas.
Así llo comunicou este mércores aos adegueiros da provincia, cos que se reuniu no Edificio Administrativo para darlle a coñecer o proxecto.
Rafael Louzán valorou o "gran éxito" do programa e incidiu na utilidade da plataforma creada no marco de Viñas Atlánticas á hora de minimizar o uso de produtos fitosanitarios, algo que reporta uns notables aforros económicos e tamén ambientais.
Así, afirmou que o obxectivo é que este proxecto, agora circunscrito á zona de O Salnés e Soutomaior (aínda que conta cun perfil público con certas utilidades para o público xeral) e desenvolvido pola Deputación da man das cooperativas Paco & Lola, Condes de Albarei e Martín Códax, "se abra a aqueles que non están nas tres cooperativas, para que calquera viticultor se poida adherir a este sistema".
Rafael Louzán aproveitou tamén para anunciar a inminente posta en marcha, por parte da Deputación, dunha nova ruta do viño nas comarcas de O Condado.