Condenado un condutor sen carné que atacou un garda civil cunha barra de aceiro e reprochou: "xa me estades a joder outra vez"
Por Natalia Puga
Condución sen permiso en concurso con condución baixo a influencia do alcohol, lesións en concurso con atentado e negativa á práctica da proba de alcoholemia. Por estes tres delitos, un home acaba de ser condenado a catro anos e sete meses de prisión, o pago dunha multa de 3.000 euros, catro anos sen poder conducir e o pago dunha indemnización de 350 euros a un axente da Garda Civil.
A condena impuxéronlla dous xulgados diferentes, primeiro o Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra e, cando el recorreu, de novo, a sección segunda da Audiencia Provincial, que desestimou o seu recurso.
Os feitos polos que foi condenado sucederon o 29 de novembro de 2019. Ese mesmo ano, no verán, a Xefatura Provincial de Tráfico de Pontevedra retiráralle o carné e aínda non o recuperara cando dous axentes da Garda Civil o atoparon conducindo un vehículo de na estrada N-554 en Vilaboa.
Os axentes ían nun vehículo camuflado e, cando se achegaron a el, acenderon os sinais luminosos e acústicos e colocáronse diante do vehículo. Ademais, ao achegarse a el, un deles ensinoulle a placa e díxolle que era garda civil.
Unha vez que o axente se identificou, mentres baixaba do vehículo, o condutor dixo: "xa me estades a joder outra vez" e "con esta es la tercera vez que me jodedes en tres meses", ao tempo que se dirixía ao maleteiro do coche.
No maleteiro colleu unha barra pesada de aceiro de aproximadamente 90 centímetros de longo e achegouse a un dos axentes. Golpeouno na cabeza coa barra, alzándoa e golpeándoo con ela. Aínda que o garda civil puxo o brazo a modo de defensa diante da cabeza, non puido evitar o golpe.
O condutor volveu a levantar a barra coa intención de golpear de novo o axente, pero, nese momento, o outro garda civil achegouse a el e puido evitar esta segunda agresión. Finalmente, entre os dous axentes reducírono.
O condutor foi trasladado á Comandancia da Garda Civil de Pontevedra e alí, dado que os axentes apreciaran anteriormente que cheiraba a alcohol, que tiña os ollos húmidos e que lle custaba gardar o equilibrio, requirírono para realizar a proba de alcoholemia. El negouse.
Polo delito de condución sen permiso en concurso ideal cun delito de condución baixo a influencia do alcohol foi condenado ao pago dunha multa de 3.000 euros de multa que pagará en prazos mensuais de 300 euros e tamén á privación do dereito a conducir vehículos de motor e ciclomotores por un período de 2 anos e 9 meses.
Polo delito de lesións en concurso ideal cun delito de atentado foi condenado a catro anos de prisión, ademais de indemnizar o garda civil ao que lesionou con 350 euros.
Pola negativa á práctica da proba de alcoholemia foi condenado a 7 meses de prisión e á privación do dereito a conducir vehículos de motor e ciclomotores durante 1 ano e 3 meses.