Presentan unha web para dar unha "resposta integral" á participación cidadá en Poio
Por Oskar Viéitez
A Concellaría de Participación Veciñal, Transparencia e Espazos Cidadáns que dirixe Silvia Díaz, ven de presentar a web participaenpoio.gal que unifica nun só lugar as canles de participación do Concello de Poio, e que ademais inclúe o escaparate do tecido asociativo do municipio.
Por primeira vez, Poio conta cun espazo municipal onde promocionar e dar a coñecer a labor e a programación de actividades que fan as asociacións de Poio, e ademais pon a disposición dos propios colectivos e tamén da veciñanza unha ferramenta para interactuar entre eles e coa administración, que facilita e dinamiza a participación.
A web conta co novas sobre o tecido asociativo municipal, recolle e dá visibilidade á actividade en rede dos colectivos, contén toda a información sobre a Rede de Espazos Municipais, ofrece a información sobre as distintas entidades locais, inclúe un banco de formacións dixitais e liñas de asesoramento técnico e tamén canles de comunicación co concello.
A web participaenpoio.gal é resultado do traballo colectivo que se iniciou hai un ano, e foi posible grazas ás asociacións de Poio, ás que Silvia Díaz agradeceulles o esforzo e o tempo dedicado, "sumándose a este proxecto coa vontade de actualizar e de darlle un novo impulso ao tecido asociativo municipal".
A concelleira indicou que "este é o primeiro paso visible", porque a incorporación de contidos é un proceso continuo, o rexistro municipal de asociacións está en "constante renovación, con cambios e novas incorporacións", e por iso está prevista xa a celebración das III Xornadas en Común que serán á volta do verán, con novas actividades e iniciativas.
Relacionadas:
-
O novo Plan de Igualdade de Poio inclúe 45 actuacións a desenvolver en catro anos
Por Oskar Viéitez |
-
Organizan cursos de formación específica para o tecido asociativo de Poio
Por Redacción |
-
Abren unha consulta pública na web municipal de Poio sobre o regulamento de participación cidadá
Por Redacción |