Hernández reitera que Elnosa se irá da Ría en 2017 e o BNG recrimínalle que non confirma o peche definitivo
Por Redacción
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, respondeu este mércores no Parlamento a unha pregunta do BNG en relación co acordo con Elnosa para que abandone a Ría de Pontevedra no ano 2017. O responsable autonómico reiterou que hai ese compromiso, pero, tras a sesión, os nacionalistas recrimináronlle que non confirma ningún peche definitivo.
Durante a súa comparecencia parlamentaria Hernández aclarou que o protocolo asinado recentemente foi o mecanismo para lograr que a empresa se comprometese a abandonar o seu emprazamento de Lourizán, desistindo de instar a prórroga da súa concesión de ocupación do dominio público marítimo terrestre máis alá do ano 2018.
Pola súa parte, a deputada nacionalista Montse Prado insistiu nas contradiccións nas que caiu a Xunta do PP sobre este tema nos últimos anos, pois en decembro de 2011 o conselleiro sinalou que o peche definitivo tería lugar o 6 de xaneiro de 2014 de maneira "innegociable e improrrogable" e o presidente, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que a marcha de Elnosa en 2014 resultaba "unha mostra de que cumprimos con Pontevedra".
Prado tamén recordou que a empresa, con tecnoloxía baseada no mercurio, "é responsable dun alto nivel de contaminación na Ría de Pontevedra" e logo do novo protocolo de colaboración coa empresa prorrogando a autorización ambiental integrada (AAI), de 2014 ata 2017 a planta permanecerá en Pontevedra utilizando mercurio e "envelenando a ría". E preguntou por que o Goberno galego rectificou o seu propio acordo e que "oculta con este protocolo", se "é que aínda precisa enchufar a alguén máis".
Hernández, pola súa banda, insistiu en que este protocolo ofrece seguridade aos veciños de Pontevedra desde a perspectiva ambiental ao fixar unha data para o cese de actividade e o desmantelamento da factoría. Engadiu que tamén ofrece garantías, dende a perspectiva socioeconómica, xa que unha nova localización, preferentemente en Pontevedra, permitirá manter os empregos.
En resposta ás críticas do BNG sobre o cambio de postura, o conselleiro sinalou que a Xunta non mudou de postura, senón que o fin da vixencia da autorización ambiental integrada en xaneiro de 2014 quedou sen efecto na práctica como consecuencia dos recentes cambios introducidos na normativa estatal, polos que as AAI pasan a ter duración indefinida sen necesidade de prórroga.