Poden as presas existentes ao longo do río Lérez aliviar a situación da seca?
Por Oskar Viéitez
Este luns celebrouse unha reunión do grupo de información e seguimento do plan excepcional ante a seca, constituído por todos os concellos que se abastecen do río Lérez. Ao encontro asistiu a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez.
Foi unha reunión telemática na que a concelleira do Ciclo da Auga de Pontevedra, Carme da Silva, ofreceu as últimas novidades ao redor da situación hidrolóxica do Lérez, logo do seguimento diario dos recursos que ofrece o río.
Nese sentido, os datos permiten saber que ao longo da última semana o río tivo un comportamento "bastante estable", en palabras da concelleira, en contraste coa quincena anterior na que o caudal baixara de xeito "moi preocupante", contexto do que derivaron as medidas tomadas polo Concello de Pontevedra.
"O peche de Ence e dos turbinados das centrais que hai no río semella que lograron manter, de momento, a estabilidade no caudal", sinalou Da Silva.
O caudal medio está estable nuns 1,6 m3/s, "o que nos mantén en situación de prealerta, mais permite manter o abastecemento a todos os concellos usando só a auga do río".
Sanxenxo consiguió rebajar un 13,8% el consumo del Lérez
Pola súa banda o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, comunicou que "Sanxenxo conseguiu rebaixar un 13,8% o consumo do Lérez tal e como se comprometeu na última reunión con Augas de Galicia. Unha cifra na que o 10% a atribuimos ao aforro público e privado de auga e o 4% á recollida do Umia", indica. Mentres tanto, Martín asegura que Sanxenxo "manterase vixiante ante calquera cambio que precisa adoptar novas medidas que xa están en estudo por se foran necesarias".
Na reunión entre os concellos e Augas de Galicia, Da Silva trasladou unha nova proposta ao organismo autonómico que ten como base as diferentes presas existentes ao longo do río Lérez: Pontebora (que retén 95.000 m3 de auga), San Xusto (82.400 m3), Arroibar (40.900 m3), Anllo (190.000 m3), Almofrei 1 (5.000 m3) e Almofrei 2 (5.000 m3).
En total, estas presas, que son hidroeléctricas agás a de Ence (a de Pontebora), teñen encorado un total de 418.000 metros cúbicos. Estas mini centrais non están turbinando na actualidade e non teñen un consumo neto de auga, por iso non teñen un impacto agora mesmo no caudal do río, mais si teñen unha capacidade de almacenamento importante.
A proposta do Concello de Pontevedra consiste en que, de empeorar a situación do caudal do río, xa co Lérez case seco, que se faga un traballo de coordinación e laminación da auga destas presas para que ir combinando estas reservas coas do Pontillón do Castro. Segundo dixo Carme Da Silva "pode ser un traballo custoso de coordinación, pero útil no caso de necesidade".
Por último, a concelleira sinalou que os servizos técnicos municipais están a estudar a todos os grandes consumidores de auga do municipio, que son aqueles que consomen máis de 2.000 m3 ao ano, se ben o Concello tamén revisará e anotará outros cun consumo menor a esta cifra como algunhas das empresas situadas no Campiño ou os hoteis da cidade. O propósito desta iniciativa é "simplemente informalos e recomendarlles actuacións que reduzan o consumo".
O Concello tamén está a traballar na redacción dunha listaxe de consumidores vulnerables, como poden ser os hospitais ou as residencias, amais de calquera instalación que non poida quedar sen abastecemento baixo ningún concepto. Neste caso o que se pretende é ver "se é preciso tomar algunha medida extraordinaria para garantir o consumo e o abastecemento nestes espazos no caso de que a situación acabe por ser de emerxencia", comentou a edil.
Relacionadas:
-
Ethel Vázquez admite que se estudan fórmulas para reutilizar augas da depuradora en ENCE
Por Redacción |
-
A alerta por seca mantense a pesar da choiva, que non volverá caer en quince días
Por Manu Otero |
-
A presenza de metais obriga a descartar o uso da auga da canteira de Ventoso no Lérez
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
O Concello identifica 25 instalacións vulnerables en Pontevedra que requiren auga as 24 horas a pesar da seca
Por Redacción |
-
As medidas contra a seca levan a reducir unha 78% a auga usada para baldeos de rúas
Por Redacción |
-
Pecha a piscina municipal de Sanxenxo e suprímense as regas nos campos de fútbol do municipio
Por Redacción |
-
A Xunta estuda se a auga acumulada na antiga canteira de Ventoxo serve para facer achegas de caudal ao Lérez
Por Oskar Viéitez |
-
A APDR apunta á "evidente responsabilidade de Ence" na seca do Lérez
Por Redacción |
-
A Xunta e os concellos que se abastecen do Lérez coordinan medidas ante un probable empeoramento da seca
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Anuncian restricións en Poio pola escaseza de auga
Por Oskar Viéitez |
-
Os concellos que se abastecen en alta do Lérez constitúen un grupo de seguimento e prevención
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Concello de Pontevedra anticípase ao nivel de alerta por seca decretando "medidas excepcionais"
Por Oskar Viéitez |