A APDR apunta á "evidente responsabilidade de Ence" na seca do Lérez
Por Redacción
A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) fixo pública este luns a súa "fonda preocupación" ante a situación de escaseza de auga na conca do Lérez. Sinala que ten a súa orixe en factores climatolóxicos relacionados co cambio global, de maneira que alerta de que "d non mudar os hábitos de consumo e o modelo de desenvolvemento económico e social hoxe dominante, ameaza con converterse nun fenómeno permanente no tempo" e "comprometer así o benestar das xeracións vindeiras".
Desde o colectivo ecoloxista apunta á "evidente responsabilidade" de Ence na situación e lembra que o río Lérez abastece de auga aos concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Bueu e Sanxenxo, ao porto de Marín, aos polígonos industriais de A Reigosa e O Campiño, e á fábrica de Ence, de maneira que existen distintos usos da auga do río, o que obriga a "contemplar prioridades no caso de escaseza prolongada".
A asociación achega datos sobre o consumo de auga de Ence, "o maior consumidor de auga do Lérez". Desde a chegada a Lourizán, e en virtude de dúas concesións dos anos 1958 e 1968, Ence puido captar 129.600 metros cúbicos/día (47.304.000 metros cúbicos/ano), un volume que foi rebaixado pola Xunta de Galicia a 47.520 metros cúbicos/día (17.344.800 metros cúbicos/ano) en maio deste ano, un momento no que (segundo datos da propia empresa) estaba consumindo xa por baixo dese límite (uns 14.000.000 metros cúbicos/ano).
Logo de facilitar estas cifras, sinalan que ven "irresponsable e mesmo denunciable" a actitude da Xunta de Galicia ao manifestar que "en ningún momento deu orde de parada a Ence", limitándose a comunicarlle a situación de risco ecolóxico que presentaba o Lérez, deixando claro, na súa opinión, "máis unha vez" a actitude de "absoluta submisión do goberno galego á empresa pasteira".
"Faltoulle tempo á Consellería de Medio Ambiente para concluír que non ve en Ence un factor chave para explicar a situación de escaseza de auga no Lérez", sinalan desde a APDR, e lembran tamén que Ence, como contrapartida á concesión da súa prórroga no ano 2016, comprometeuse a rebaixar o consumo de auga até os 4.000 metros cúbicos/día (1.380.000 metros cúbicos/ano), un compromiso que aseguran que "segue incumprindo a pesar de ter gozado xa de 6 anos de prórroga".
Neste sentido, esixen á Xunta de Galicia que, no caso de que Ence reinicie a súa actividade con anterioridade á data na que o Tribunal Supremo resolva os recursos pendentes sobre a prórroga, obrigue á empresa a cumprir o seu compromiso fixando eses 4.000 metros cúbicos/día como límite máximo para a captación de auga no Lérez.
Relacionadas:
-
20 anos tras a condena a ENCE por delito ecolóxico: "A pesar do que a xente poida crer é un fito moi importante"
Por Almu Dapena |
-
A APDR celebra este sábado o 20 aniversario da condena a Ence por delito ecolóxico
Por Redacción |
-
Ethel Vázquez admite que se estudan fórmulas para reutilizar augas da depuradora en ENCE
Por Redacción |
-
O líder de CCOO en España apoia as reivindicacións dos traballadores de ENCE e a súa permanencia en Pontevedra
Por Redacción |
-
Os traballadores de ENCE convocan unha manifestación antes de que o Supremo decida sobre o futuro da fábrica de Lourizán
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Conde pide ao Goberno que as medidas de aforro enerxético queden reducidas a "recomendacións" no sector privado
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Pecha a piscina municipal de Sanxenxo e suprímense as regas nos campos de fútbol do municipio
Por Redacción |
-
A Xunta estuda se a auga acumulada na antiga canteira de Ventoxo serve para facer achegas de caudal ao Lérez
Por Oskar Viéitez |
-
Poden as presas existentes ao longo do río Lérez aliviar a situación da seca?
Por Oskar Viéitez |
-
O 22% do persoal de Ence, afectado polo ERTE previsto para catro meses
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
A Xunta e os concellos que se abastecen do Lérez coordinan medidas ante un probable empeoramento da seca
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Ence estuda as propostas do comité de fábrica antes de acometer o ERTE derivado da seca
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
ENCE aplicará un ERTE aos seus traballadores en Pontevedra ao deter a produción pola seca
Por Alejandro Espiño |
-
A escaseza na reserva de auga obriga a elevar o nivel de alerta pola seca
Por Alejandro Espiño |