Unhas 210 persoas participaron na xornada de piragüismo no río Oitavén
Por Redacción
Unhas 210 persoas participaron na xornada de piragüismo posta en marcha polo Concello da Lama no río Oitavén que tivo que ampliar as quendas de uso das embarcacións facilitadas polos monitores do Club de Piragüismo de Vilaboa.
As altas temperaturas e un sol radiante animaron aos participantes para surcar o río en piragua, unha iniciativa lúdico-formativa para persoas de todas as idades, incluída dentro do plan de actividades do "Verán Cultural" do Concello.
Os participantes levaban equipado obrigatoriamente o chaleco salvavidas e estaban supervisados por monitores que explicaron os distintos modelos de piragua e as diferenzas existentes coas canoas. Tamén falaron as principais técnicas para facer máis eficiente a palada na auga.
Durante a xornada, estiveron presentes os concelleiros David Carrera e Daniel Vidal quen destacaron a importancia deste tipo de actividades que reivindican a relación co medio natural dunha maneira harmónica e respectuosa coa contorna.
Esta praia fluvial conta con zona arborizada, espazos de sol e de sombra, mesas e todo tipo de servizos, así como unha serie de melloras realizadas para permitir o acceso a persoas con mobilidade reducida e con problemas de visión que fan deste lugar uno dos preferidos non só dos residentes e visitantes da Lama senón doutros municipios limítrofes.