Polémica arredor das denuncias de "picadas" a mulleres nas Festas do Albariño
Por Redacción
Durante as últimas horas, tras os concertos de Beny JR e de Morad na praza de Fefiñáns con motivo das Festas do Albariño, difundíanse nas diferentes redes sociais denuncias de "picadas" de submisión química a mulleres durante estes eventos .
"Paréceme incrible que empece o concerto de Morad coma se nada, sen avisar que acaban de picar mínimo 10 mozas" ou "están a picar no concerto de Morad en Cambados, tede moito coidado, por favor!" eran algúns das mensaxes que saltaban en diferentes perfís de Instagram ou de Twitter.
Ante estas denuncias, desde o Servizo de Emerxencias do Concello de Cambados, emitíase un comunicado tamén en redes sociais comunicando que "é totalmente falso que se producise algunha picada durante o Concerto desta noite en Fefiñáns".
Nesta publicación solicitan que "por favor, non alimentes este tipo de chismes sen fundamento sen estar antes contrastado polas autoridades sanitarias ou de Emerxencias". Este comunicado foi tamén publicado polo alcalde de Cambados, Samuel Lago, na súa conta de Facebook.
Outros usuarios das redes sociais respondían a esta acción desde o Concello de Cambados sinalando que no Hospital do Salnés comprobaran a presenza dalgunha menor "practicamente inconsciente" despois de sufrir unha "picada" en Fefiñáns.
Desde Emerxencias Cambados contestaban que "confirmo ao 100% que os compañeiros estiveron atendendo ás mozas e mozos ningún tiña ningunha picada. Os desmaios producíronse por que os elegante@s levan moitas horas na cola sen inxerir alimentos e bebidas. Atendéuselles e algúns decidiron volver e outros irse. En referencia á moza evacuada ao Hospital ía por precaución".
A Garda Civil oficialmente confirma que non ten constancia de ningún caso nin de ningunha denuncia en relación a "picadas" durante os concertos celebrados en Cambados durante esta última xornada.
Relacionadas:
-
A Festa do Albariño contará cun dispositivo especial de seguridade
Por Redacción |
-
A Federación pola Igualdade das Mulleres presenta un cubrevasos contra a submisión química
Por Redacción |
-
A Área Sanitaria conta xa cun protocolo de actuación ante casos sospeitosos de submisión química
Por Redacción |
-
Ningunha denuncia en Pontevedra por picadas de submisión química, pero "se pasa, directamente ao hospital"
Por Natalia Puga |