A división sindical agrándase na área sanitaria
Por Oskar Viéitez
Os sindicatos da área Sanitaria de Pontevedra preséntanse divididos en dúas frontes. Por unha banda están CESM, Prosagap, Omega, TSP e CO-BAS que lograron iniciar unha negociación co ata o de agora xerente do Sergas, José Flores que desembocou na dimisión do xerente da área José Ramón Gómez e a súa número dous Sonia Fernández Arruty. Na outra parte están Comisións Obreiras, CSIF, Satse, CIG e UXT que esixen o "cesamento de calquera mesa de negociación" á marxe da Mesa Sectorial da que eles forman parte.
De modo que CESM, Prosagap, Omega, TSP e CO-BAS expresan este xoves a súa "satisfacción por lograr que o xerente, José Ramón Gómez, fose substituído" co que entenden que "a nefasta situación da área foi recoñecida e asumida por fin, polos máximos responsables do Sergas despois de tantos meses de reivindicacións" ao facerse cargo o propio José Flores da Xerencia.
Estes cinco sindicatos consideran que é unha decisión que, "aínda que chega con moito atraso" e está a supoñer un "esforzo extraordinario" do persoal dos PAC e de toda a Atención Primaria en xeral, así como dos hospitais, "supón un paso decisivo para seguir avanzando", para atender as necesidades que ten a área de Pontevedra-O Salnés, "reverter a situación actual e recuperar a calidade asistencial que cidadáns e profesionais merece e que nunca se debeu perder".
Ademais avanzaron que "esperamos que en breve podamos ter unha reunión co novo equipo directivo para iniciar a elaboración dun plan funcional de emerxencia", tal e como se contempla na súa táboa reivindicativa, e que "teñen que incluír necesariamente" os recursos materiais, os recursos económicos e sobre todo, os recursos humanos suficientes de todo tipo de persoal para recuperar o "persoal ideal e estable necesario para garantir unha asistencia e unha mellora notable da situación tanto en Atención Primaria como en Atención Hospitalaria".
Pola contra, as organizacións sindicais que conforman a Mesa Sectorial amosan o rexeitamento a esa negociación entre o Sergas e os outros sindicatos que cualifican de "desleal" pola "gravidade deste asunto" abordado e por telo feito "saltándose así os órganos lexitimados de negociación, aos que nin sequera se informou tras esta reunión".
Lembran que eles son os órganos de representación "legalmente lexitimados" para levar a cabo as distintas conversas, "para iso se conforman e para iso se fan eleccións sindicais".
Finalmente esixen unha reunión "urxente" co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña "onde se de conta do acontecido e das medidas que o SERGAS prevé levar a cabo nesta área" e advirten que "de non recibir a convocatoria na maior brevidade posible veríamonos na obriga de tomar medidas ao respecto".
Relacionadas:
-
O Consello Comarcal de CCOO de Pontevedra elixe a Pilar Mosquera como nova secretaria xeral
Por Redacción |
-
O Colexio de Médicos posiciónase "a favor" das substitucións "imprescindibles" na xerencia da área Sanitaria
Por Oskar Viéitez |
-
Os municipios da comarca mostran a súa inquietude pola "preocupante" situación da atención primaria
Por Diego Espiño |
-
Destitúen a José Ramón Gómez e nomean a José Flores como novo xerente da área sanitaria
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O Sergas anuncia aos sindicatos cambios no equipo directivo da Xerencia da área sanitaria
Por Redacción |
-
Os sindicatos piden á Xunta o cesamento da xerencia da área sanitaria
Por Redacción |
-
"Xa non podemos máis", cinco sindicatos da Xunta de Persoal da área sanitaria de Pontevedra-Salnés dan un ultimato
Por Redacción |