Unha leira cedida para aparcamentos acabará cos problemas de tráfico na contorna do colexio de Lourido
Por Redacción
Unha parcela privada que poderá pasar a usarse como zona de aparcamento público preséntase como a solución definitiva aos problemas de tráfico que se rexistraban desde hai anos ás horas de entrada e saída do alumnado no colexio de Lourido.
O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica de Poio, Gregorio Agís, logrou un acordo co propietario desta parcela, situada nas proximidades do CEIP Lourido, na parroquia de San Salvador, de tal xeito que o Concello poderá facer uso destes terreos para acondicionar prazas de estacionamento.
Agís explica que esta xestión levouse a cabo para dar resposta a unha "demanda histórica" por parte da comunidade educativa, que, xa fora trasladada ao concelleiro polos responsables da ANPA e do propio colexio.
Ata agora, a falta de espazos provocaba continuos atascos e embotellamentos á entrada do recinto, especialmente ás horas de entrada e saída do alumnado. Agora, grazas a este acordo, as familias disporán de prazas suficientes, situadas a poucos metros do colexio, co que, segundo Agís, "se gañará espazo e unha maior seguridade".
O concelleiro socialista agradeceu ao propietario da parcela a súa predisposición á hora de chegar a un acordo.
O Concello asumirá os traballos de posta a punto e acondicionamento. Está previsto que comecen nos vindeiros días pois o obxectivo é que a parcela estea lista para o comezo do curso, en setembro.
O responsable de Urbanismo trasladou esta situación ás persoas responsables da asociación de nais e pais.