Estabilizado o incendio no monte da Fracha: agora toca avaliar danos
Por Natalia Puga
Ás 17.48 horas deste domingo, a Consellería de Medio Rural confirmou oficialmente que o incendio que arrasou desde o venres o monte da Fracha quedaba "estabilizado". Xa durante a mañá se anunciara que evolucionaba "favorablemente" e desactivouse a situación de alerta 2 decretada como medida preventiva o día do inicio do lume por proximidade de núcleos de poboación.
Como estimación provisional, a Xunta de Galicia sinala que o lume arrasou 380 hectáreas de terreo de Pontevedra e Ponte Caldelas neste incendio que comezou en Xustáns sobre as sete e media da tarde do venres.
Agora que se superou a fase de incendio, toca avaliar os danos. Así o indicou este domingo a concelleira de Seguridade Cidadá de Pontevedra, Eva Vilaverde, que aplaudiu que "por fin podemos dicir que o incendio está apagado e polo tanto durmir un pouco máis tranquilos todos e todas".
Vilaverde lembrouse de toda a veciñanza afectada, en Ponte Sampaio e a Canicouva, á que mandou, en nome do Concello de Pontevedra, "todo o noso afecto e o noso ánimo" porque pasaron por "momentos de moita tensión, complicados e de moita preocupación".
A responsable municipal de Pontevedra sinalou que era ese momento de avaliar danos e tamén de estudar "as medidas a adotar na parte que nos toca", como Concello, asi como, sobre todo, "esperar que non volvamos ter un susto coma este".
O monte, lembrou Eva Vilaverde, "é un perigo" e pediu que se actúe "en serio" nos montes durante todo o ano, "que se elimine a superficie de eucalipto , que se ordene, que se poña o monte a producir e que se faga con cabeza". A súa petición é clara: "que durante o ano evitemos, por favor, que teñamos que pasar por un Inferno coma este todos os veráns".
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Diaz, tamén valorou a "situación cero" do incendio e lembrou que foron "horas moi duras" as vividas durante fin de semana nos montes de Baltar e Xustáns, así como nos de Ponte Sampaio e A Canicouva.
Andrés Diaz tivo palabras de agradecemento para "todas as persoas que participaron na extinción e a todos os que axudaron", desde bombeiros a bombeiros forestais, policías, gardas civís, Protección Civil, a Unidade Militar de Emerxencias, os operarios municipais e a Consellería de Medio Rural.
Tamén deu as grazas a empresas como Acuña que regalou cafés e bolos na mañá do sábado e a todos os veciños de Baltar, Xustáns, Taboadelo e doutros lugares de Ponte Caldelas que achegar auga fresca, bocadillos, tractores e outros medios materiais.
Relacionadas:
-
A Canicouva revive o pesadelo do incendio do 2006
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Técnicos municipais avaliarán esta semana os danos que o incendio causou no Parque forestal da Fracha
Por Redacción |
-
Medio Rural dá por controlado o incendio da Fracha dous días e medio despois de empezar a arder
Por Natalia Puga |
-
"Evoluciona favorablemente" o lume que xa arrasou 380 hectáreas de Pontevedra e Ponte Caldelas
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
A devastación que deixa ao seu paso o incendio no monte da Fracha
Por Natalia Puga & Cristina Saiz & Almu Dapena |
-
O incendio do monte da Fracha, sen control, arrasa xa 350 hectáreas
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
"Profundamente preocupados" en Pontevedra pola evolución do incendio da Fracha, que ataca o parque forestal
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Noite en alerta na Canicouva, Ponte Sampaio e Ponte Caldelas polo incendio da Fracha, que arrasa 150 hectáreas
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Decretan a situación de alerta 2 no incendio da Fracha pola proximidade ás casas da Canicouva
Por Natalia Puga & Cristina Saiz | Creada e actualizada