Cinco detidos en relación coa brutal agresión grupal en Michelena, un deles enviado a prisión
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O arduo traballo policial deu resultado e nas últimas horas distintas unidades da Comisaría de Pontevedra da Policía Nacional lograron deter a cinco mozos pola súa relación coa brutal agresión grupal a un mozo na madrugada do 21 ao 22 de xullo na rúa Michelena.
As detencións producíronse, segundo puido saber PontevedraViva, ao longo da xornada deste luns día 9 de agosto. A última foi ao redor das seis da tarde na rúa Oliva e as demais noutros puntos da cidade.
Fuentes policiais confirmaron a detención, aínda que, de momento, non se facilitaron máis detalles oficiais. Este xornal si puido saber que durante a mañá deste martes catro quedaron en liberdade despois de prestar declaración en sede policial e un quinto pasou ao dispor do Xulgado de Garda. Aos cinco atribúenlles un delito de lesións.
Os cinco detidos son veciños de Pontevedra e entre eles está o suposto autor material do golpe máis forte recibido pola vítima, que se considera que puido ser o causante do grave desenlace. O mozo, de 35 anos, acabou no chan e sufriu un forte golpe na cabeza polo que sufriu unha lesión de gravidade. Tras recibir unha primeira asistencia no Hospital Montecelo, foi derivado desde alí ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde ingresou na unidade de coidados críticos (UCI).
PRISIÓN PROVISIONAL
Fontes oficiais do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmaron a PontevedraViva que a maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra, en funcións de garda, decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza ao único detido que pasou disposición xudicial, considerado o presunto autor material. Está investigado por un delito de lesións.
As feridas foron de tal gravidade que, case tres semanas despois, segue no hospital.
Aínda que nun primeiro momento se comentou que a agresión puidese ter relación cun roubo, co avance da investigación, os investigadores descartárono. Ademais, a causa da agresión considérase descoñecida, pois, segundo diversas informacións, os agresores e a vítima atopáronse e, sen causante aparente, agredírono e un deulle o empuxón que lle tirou ao chan e provocoulle a grave lesión.
A Brigada de Policía Xudicial da Policía Nacional de Pontevedra asumiu a investigación e realizou complexas indagacións ata a localización dos implicados e, para a súa detención, contou co apoio doutras unidades da Comisaría pontevedresa, entre eles, a unidade de prevención da delincuencia, os coñecidos como 'Linces'.
Entre outras cuestións, revisaron as cámaras de seguridade dos establecementos próximos á agresión, que se produciu nas inmediacións do Karaoke da rúa Michelena.
Ademais, entrevistáronse con gran cantidade de posibles testemuñas ata que, finalmente, puideron identificar a estas cinco persoas, que teñen distintas implicacións na agresión.