Ponte Caldelas presume de transformación urbana con tres obras financiadas pola Deputación
Por Redacción
Ponte Caldelas dá por rematadas as obras na avenida de Vigo e no aparcamento central, con financiamento da Deputación a través do Plan Concellos, así como a gran actuación da nova praza de Frei Antonio Orge, incluída dentro do plan provincial ReacPon, coa visita institucional da presidenta Carmela Silva,.
A dirixente, acompañada do alcalde Andrés Díaz, membros da corporación municipal e do deputado de Cooperación, Santos Héctor; supervisou as tres actuacións nas que se investiron uns 700.000 euros por parte da Deputación. "Van poñer a Ponte Caldelas aínda máis guapa do que xa está", dijo la presidenta.
Na avenida de Vigo (a rúa do balneario) comprobouse o resultado dunha humanización coa que se gañou espazo peonil e zonas verdes, á vez que unha ampla batería de aparcamento gracias á súa conversión nunha vía dun sentido. A obra, cun orzamento de 440.000 euros contou con fondos FEDER nun 79,2 % mentres que a Deputación completou o 20,8 % restante a través do Plan Concellos (134.911 euros).
A continuación, Carmela Silva tivo ocasión de visitar o novo aparcamento central situado detrás do edificio da ludoteca e a escola infantil, onde se habilitou unha zona de estacionamento rotatorio combinado cunha zona verde gracias a outra achega do Plan Concellos de 77.000 euros.
Finalmente, houbo ocasión de comprobar o inicio das obras da praza de Frei Antonio Orge, que creará un novo espazo de centralidade urbana, gracias aos 493.966 euros que achega a Deputación a través do plan ReacPon e que completa co propio Plan Concellos.
Carmela Silva afirmou que “non hai quen recoñeza a Ponte Caldelas; non é unha frase feita nin un tópico; non hai máis que vir aquí e comparar como era Ponte Caldelas hai 7 anos co que é agora. Estou gratamente sorprendida do impacto do cambio e a transformación”. A presidenta agradeceu ao alcalde o seu empeño “en ter continuamente ideas, por promover proxectos para o concello, pero tamén para o conxunto da provincia”.
Pola súa parte, Díaz aproveitou a visita para amosar a Carmela Silva as infografías do proxecto da estación termal que o Concello quere construír nos terreos do antigo Balneario, a carón da capela de San Roque, un espazo degradado despois do estoupido da burbulla inmobiliaria que deixou unha mole de formigón a medio construír nas beiras do río Verdugo. "É o noso proxecto estrela, a nosa ambición e a nosa obsesión, polo que non descansaremos ata recuperar o noso protagonismo como vila termal”.
Relacionadas:
-
A nova iluminación da Praza de Frei Antonio Orge adaptará a súa intensidade ás distintas épocas do ano
Por Redacción |
-
A Deputación destina novos recursos do Plan Concellos a Vilagarcía, Ponte Caldelas e Poio
Por Redacción |
-
As obras de reordenación da Praza Frei Antonio Orge, a piques de comezar
Por Redacción |
-
Plataforma única e itinerarios peonís para o ámbito do centro de saúde de Ponte Caldelas
Por Redacción |