Búscanse mecenas para reforestar catro mil hectáreas na provincia
Por Oskar Viéitez
A Deputación ven de sumarse ao proxecto "El árbol de la vida" que propón plantar dez millóns de árbores en España, catro mil hectáreas na provincia de Pontevedra, grazas ao patrocinio e doazóns de empresas e particulares e entre os seus obxectivos figura difundir a cultura da árbore e o emprego dos produtos de madeira.
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, asinou o convenio con Francisco Huidobro Burgos, presidente da Fundación Española da Madeira, para definir o marco de colaboración deste programa "El árbol es vida".
Acompañaron a sinatura o director de ENCE-Pontevedra, Antonio Casal, ademáis de Francesc de Paula Pons Alfonso, secretario da Fundación Española da Madeira; Isabel Puentes Berdasco, responsable do Departamento de Coordinación de Xestión Forestal, e Jesús Baquero Moreira, vicepresidente.
Este proxecto incluíuse nos últimos Presupostos Xerais do Estado como un acontecemento de excepcional interese público, o que leva consigo as máximas desgravacións fiscais a través da lei de Mecenado, explicaron en rolda de prensa.
Así aquelas empresas que participen con "El árbol de la vida" poderán recuperar na cota do Imposto de Sociedades, recuperando ata o 90% da súa doazón ao evento a través da desgravación dos gastos en publicidade e propaganda en que incorran para a súa promoción.
A de Pontevedra é a primeira deputación de toda España que asina un convenio destas características. "Es el primer maridaje de los que a partir de ahora se pueden dar entre instituciones y el ámbito privado", señaló Huidobro, "el nuevo marco económico después de la crisis requiere de sistemas más imaginativos. No podemos ir a las instituciones a pedir dinero porque no lo tienen", engadiu.
Ademais da plantación o proxecto considera outros obxectivos como difundir o uso de produtos de madeira fronte a outros materiais menos respectuosos co medio, asegurar a xestión forestal sostible, contribuír a mitigar o cambio climático, xa que os bosques son grandes sumidoiros de carbono; e consolidar un sector "de vital importancia" para a economía e o emprego da provincia, como é o da madeira.