Piden a Rafa Domínguez que impulse unha iniciativa para impedir o acceso de menores ás prazas de touros
Por Oskar Viéitez
A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas valorou positivamente a "sinceridade" do portavoz do Partido Popular e alcaldable ao Concello de Pontevedra, Rafael Domínguez, respecto da súa non asistencia ás corridas de touros do municipio.
Para os abolicionistas a "escusa" para non participar de lídaa "evidencia o impacto psicosocial e emocional que provoca contemplar os malos tratos e morte de varios bóvidos nunha praza ás persoas menores de idade", aínda que en Galicia este acceso está parcialmente limitado aos maiores de 12 anos.
Neste sentido animan ao concelleiro popular a "liderar" unha iniciativa ante a Xunta de Galicia que permita cumprir coas recomendacións que o Comité dos Dereitos do Neno fixo ao Goberno de España: "Afastar a calquera menor de idade como participante ou espectador das corridas de touros a través de medidas lexislativas". Varios anos despois do informe ningunha comunidade, salvo Illas Baleares, tomou nota da petición.
Tamén lle piden ao portavoz local do Partido Popular "que insista na non presencia do máximo responsable da súa formación, Alfonso Rueda, ao ostentar a responsabilidade do Goberno autonómico, non só da ultraminoría de taurinos que acoden á praza".
Desde Galicia, Mellor Sen Touradas avanzan que seguirán "vixiantes" ante a posible presenza de nenos nos tendidos do coso de San Roque, lembrando que en anteriores edicións denunciaron na Consellería de Presidencia irregularidades nos carteis promocionais e tamén na Axencia Española de Protección de Datos a colocación de información errónea sobre a videovixilancia na praza.
PANCARTA
Por outra banda, Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, desenvolveu ao longo desta semana unha campaña contra as touradas "para denunciar que este acto de tortura animal se siga levando a cabo na cidade de Pontevedra".
Diversas accións nas rúas que culminaron este xoves en Soutomaior, onde penduraron unha pancarta do Touro de Osborne co lema "Touradas nunca máis".
Con esta iniciativa, queren concienciar a mocidade e animala a mobilizarse este sábado 13 na manifestación que sairá ás 20:00 horas dende a Peregrina.
Relacionadas:
-
Touradas fóra de Pontevedra volve saír á rúa: "este ano vanse asasinar na praza 12 touros"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Piden que se faga unha consulta pública aos pontevedreses sobre a continuidade dos touros
Por Cristina Saiz & María José Pita |
-
Solicitarán a Moncloa un referendo sobre as corridas de touros en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Touradas Fóra de Pontevedra reivindica nas rúas que a maioría da poboación é antitaurina
Por Almu Dapena & Redacción |
-
RADIO.- Conta atrás para unha feira taurina da Peregrina que recupera afección: "se non enchemos andaremos moi preto"
Por Marisa Ciordia |
-
Rafa Domínguez: "fun unha vez aos touros con 15 anos e xurei que non volvería máis"
Por Anxo Lourido |
-
A manifestación antitaurina regresa este sábado co foco posto nos carteis promocionais que hai na rúa
Por Manu Otero |