A biblioteca de Campo Lameiro, premiada por segundo ano consecutivo no concurso de animación á lectura 'María Moliner'
Por Redacción
A Biblioteca Municipal 'Irmáns Ricoi' de Campo Lameiro recibiu, por segundo ano consecutivo, o premio 'María Monliner 2022' do Ministerio de Cultura con motivo do concurso de animación á lectura.
O galardón engloba os municipios de menos de 50.000 habitantes e foi o de Campo Lameiro o elixido para recibir os máis de 2.500 euros do premio, que serán destinados á compra de libros para ampliar a dotación desta sala de lectura.
O proxecto polo que se conseguiu o premio foi 'Uniendo letras... ¡leemos!', unha iniciativa fundamentalmente colaborativa e interxeracional impulsado desde a Biblioteca, a Aula CeMit, así como desde a Concellería de Cultura do Concello de Campo Lameiro, no que as actividades están enfocadas para promocionar a animación á lectura e o patrimonio natural e cultural do municipio.
As actividades coas que a biblioteca concursou no 'María Moliner' foron: 'Activa_mente', unha actividade dirixida a maiores de 65 anos para estimular a mente a través de razoamentos, coñecer a contorna natural ou adiviñar os monumentos do concello; ou 'Contos dunha noite de verán', dirixida a un público máis novo durante os meses de xullo, agosto e parte de setembro.
Tamén, en conmemoración do día europeo das linguas, a biblioteca realizou un Escape Room Científico; celebraron a semana cultural en Campo Lameiro con 'Un conto musical' e 'Pintoras' festexaron o Día dos avós, o 25N, o Día de Rosalía de Castro e o Día da Muller; e realizaron actividades máis duradeiras como 'Viches ó Landrú?' e 'Sabedes que? Galiciale'; os nenos e nenas de concilia+ visitaron a biblioteca; realizaron unha videoconferencia con Papá Noel, e, por último, modificaron o escaparatismo exterior e interior cada mes durante todo o ano con recomendacións de libros para todas as idades.