O PSOE faise eco das queixas dos praceiros de Portonovo
Por Oskar Viéitez
O PSdeG-PSOE de Sanxenxo ven de facerse eco das queixas dos placeiros do mercado de abastos de Portonovo en relación ao proxecto de humanización da praza. Segundo os socialistas, entre as reclamacións máis repetidas está a demora no tempo de entrega da obra e a modificación puntual do proxecto para a supresión de algúns aparcamentos.
Os socialistas critican ao equipo de goberno a "falta de previsión" que, ao seu xuízo, supón esta modificación, "xa que na actualidade existen acordos para poder estacionar preto da praza, pero estes terreos están en mans privadas".
"Non pode ser que a posibilidade de aparcar nunha praza recentemente construída dependa da boa disposición dos propietarios destas parcelas", afirma a voceira do grupo municipal do PSDG-PSOE de Sanxenxo, Ainhoa Fervenza. "Se esta situación cambia a zona de estacionamento do mercado sería insuficiente", engade.
Doutro lado, o PSOE critica tamén o recente cambio de dirección dos autobuses nesta zona. "Esta modificación, que obriga a este transporte público a atravesar o centro de Portonovo, responde á necesidade de Telmo Martín de dar sentido a marquesiña alí instalada, na que gastou máis de 300.000 euros de cartos públicos", afirman. "Obrigar aos autobuses a meterse no centro vai provocar retrasos, unha intensificación do tráfico e o aumento na duración das viaxes". explica Ainhoa Fervenza.
"Esa marquesiña naceu morta. Non se pode poñer patas arriba un núcleo de poboación para tapar unha mala decisión", sentenciou.