As Axudas para a Escolarización Infantil en Vilagarcía pódense pedir a partir do 1 de setembro
Por Redacción
A Xunta de Goberno Local de Vilagarcía aprobou esta semana as bases para solicitar as Axudas Municipais á Escolarización Infantil, ás que este ano destina 15.000 euros.
Trátase de bolsas de 60 euros por alumno matriculado nas etapas primeiro e segundo de Educación Infantil (de 0-3 e de 3-6 anos) en centros de ensino sostidos con fondos públicos e nas Escolas Infantís autorizadas de Vilagarcía de Arousa.
Estas axudas están dirixidas a unidades familiares de convivencia residentes e empadroadas no Concello de Vilagarcía de Arousa con menor nivel de ingresos para tratar se axudarlles a superar o desembolso que supón a compra de materiais a principio de curso.
O prazo único para solicitar as bolsas é desde o día 1 ata o 30 de setembro. En caso de que as familias non presentaran declaración de renda, o Concello terá en conta o datos facilitados polo Servizo Público de Emprego e/ou a Tesourería Nacional da Seguridade Social.
Recordan desde o goberno que, aínda que a escolarización non é obrigatoria na etapa Infantil, é unha medida imprescindible para un mellor desenvolvemento do neno tanto a nivel educativo como social e persoal, ademais de ser unha medida necesaria en moitos casos para a conciliación laboral.
Os 15.000 euros dispoñibles para a concesión destas subvencións veñen dunha partida de 7.500 euros procedentes da Concellería de Benestar Social, doutra de 6.000 euros da de Educación e de 1.500 euros máis de sobrantes doutras partidas desta última concellería.