A Festa da Auga mobiliza un operativo especial de limpeza de 85 persoas
Por Redacción
O operativo especial de limpeza que porá en marcha este ano o Concello de Vilagarcía tras a celebración da Festa da Auga contará coa participación de 85 persoas procedentes de diferentes servizos municipais, da concesionaria Cespa e dunha brigada de BATA.
O dispositivo organizado tamén reforza os medios materiais con colectores adicionais, especialmente de vidro, que se instalarán nas zona nas que habitualmente acollen maior número de celebracións durante a madrugada do día 16 de agosto como son as praias e fachada marítima.
O concelleiro de Obras e Servizos, Lino Mouriño, prega á xente que colabore depositando o lixo nos correspondentes depósitos a efectos de facilitar as posteriores labores de recollida e limpeza.
O persoal dispoñible repartirase en dous grupos. A quenda de mañá, estará composta por 45 persoas dos servizos municipais de Xardíns, Medio Ambiente, Obras e Alumeado, apoiados por dous condutores de Cespa para manexar un camión de recollida e outro de baldeo. Nesta quenda a recollida de lixo farase de forma manual e, como xa se fixo o ano pasado, de forma selectiva a efectos de poder recuperar e reciclar a maior cantidade posible de lixo: vidro, plásticos e envases lixeiros. Os traballos comezarán polas praias, co obxectivo de deixalas en perfecto estado para o uso dos bañistas esa mesma xornada, e iranse desprazando cara a zona TIR, Parque Miguel Hernández, Centenario e O Cavadelo.
A quenda de tarde, composta por outras 40 persoas, comezará a traballar unha vez finalizada a Festa da Auga, sobre as 16.30 horas e utilizando principalmente maquinaria: 3 camións de recollida, 3 varredoras e 1 máquina de baldeo. O Concello só recorrerá ao baldeo para as labores de limpeza tras a festa da Auga. Os demais días, e como se vén facendo dende hai semanas, a limpeza será en seco coa utilización de varredoras.
O concelleiro fai un chamamento aos locais de hostalaría que teñen autorizada a instalación de barras exteriores, que as teñen totalmente recollidas e retiradas da rúa ás catro da tarde para non entorpecer o paso da maquinaria que se encargará de limpar a zona de xeito que volva a estar acondicionada e para poder continuar coas celebracións de San Roque pola tarde e a noitiña ofrecendo a súa mellor imaxe.
Tamén lembra que para acometer unha limpeza a fondo das Avenida da Mariña e de Rivero de Aguilar, entre as 16.30 e as 18.30 horas irase regulando o tráfico de forma alterna entre unha e outra para poder deixar en perfecto estado estas vías que son zona de paso dos milleiros de persoas que celebran o día de San Roque na madrugada previa á Festa da Auga.
SAN ROQUIÑO O PEQUENO
A festividade do luns 15 de agosto vivirase en Vilagarcía rendendo homenaxe a San Roquiño o Pequeno, como manda a tradición.
O barrio de San Roque convértese no epicentro da festa coa procesión e a romaría popular pola mañá. A celebración rematará ao pé da capela co tradicional reparto de empanada ao pé da capela.
Uxía Lambona e a Banda Molona ofrecerán un divertido concerto na Xunqueira destinado ao público infantil. Joel Padín protagonizará o concerto da noite na Xunqueira e Los Tres Latinos amenizarán a verbena no barrio de San Roque.
Relacionadas:
-
Vilagarcía afronta a fase final das Festas de San Roque
Por Redacción |
-
Un detido por agredir a súa parella, unha intoxicación grave e un taxista que multiplicaba por seis a taxa de alcol
Por Oskar Viéitez |
-
Doce condutores positivos en alcol e sete intoxicacións etílicas na noite da Festa da Auga
Por Redacción |
-
Festa da Auga baixo a chuvia
Por Redacción |
-
Ecoloxistas en Acción denuncia o despilfarro en Vilagarcía con motivo da Festa da Auga
Por Redacción |
-
Policías e sanitarios reforzan a súa colaboración para as festas de Vilagarcía
Por Redacción |
-
Unha mostra percorrerá a partir do venres 5 as primeiras catro décadas da Festa da Auga
Por Redacción |