Os socialistas critican que a residencia de Cerdedo correrá a cargo dunha empresa privada
Por Redacción
A Agrupación Socialista do Concello de Cerdedo-Cotobade critica que a xestión da nova residencia de maiores de Cerdedo correrá a cargo dunha empresa privada.
Indican que a pesares de que na inauguración da nova residencia o presidente da Xunta non clarificou o tipo de xestión baixo a que vai a desenvolver a súa actividade, o día 5 de agosto saíu publicada a Licitación para a súa xestión por unha empresa privada, "confirmando o que viñamos denunciando".
E é que este tipo de xestión quedou reflectida nos malos datos obtidos durante a pandemia da covid-19, onde destaca "a importancia de contar con residencias de xestión pública, xa que o maior índice de falecidos se produciu nos centros privados", explican.
A creación desta nova infraestructura supuxo unha inversión de máis de 2 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia e feita con cartos públicos, pero que finalmente "vai a ser xestionada por unha empresa privada, que estará mais preocupada polos beneficios económicos que poida obter antes que no benestar das persoas maiores destinatarias deste servizo", critican.
Recordan finalmente, que o centro leva rematado e preparado con equipamento desde novembro do 2021 e cunha lista de 1500 personas en Galicia esperando por unha praza. Engaden que a data de inicio da actividade estaba prevista para o 12 de xaneiro de 2022, contando coa licencia de apertura correspondente e foi "esta tardanza o que puxo en alerta ao PSdeG-PSOE sobre a fórmula de xestión que se iba a empregar. Ao final os peores temores cumpríronse".