A Xunta avaliará o servizo da auga en Campo Lameiro, Cotobade e Cerdedo
Por Oskar Viéitez
O conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández e o presidente do Consorcio Local Conca do Lérez, José Balseiros, asinaron este venres un protocolo de colaboración polo que se levará a cabo un estudo da xestión do ciclo urbano da auga e a planificación e execución de obras hidráulicas que se deriven dela.
Hernández subliñou que coas actuacións que se desenvolverán ofrecerase aos máis de 8.000 habitantes dos concellos de Campo Lameiro, Cotobade e Cerdedo unha xestión da auga "coordinada, sinxela e xusta", aclarou.
Grazas a dito estudo, Augas de Galicia disporá de información precisa para establecer e concretar a viabilidade dunha xestión conxunta dos servizos e das infraestruturas relacionadas coa xestión da auga.
Dito estudo incluirá información ou inventario das infraestruturas existentes; aportará datos e estimacións do custo de xestión anual do ciclo urbano da auga, analizarase o modelo de xestión, avaliará a posibilidade de establecer un modelo de xestión supramunicipal e, por último, definirá as infraestruturas necesarias para a mellora e extensión da prestación dos servizos do ciclo urbano da auga no ámbito territorial do Consorcio.