Sen data aínda para o congreso local do Partido Popular
Por Alejandro Espiño
O primeiro congreso que o Partido Popular realice nas sete grandes cidades galegas "gustaríame que fora o de Pontevedra". Son palabras do secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, trala celebración do comité executivo dos populares pontevedreses. Así o solicitará ao partido, dixo. Pero sen prazos determinados. O congreso do que sairá elixido o relevo de Telmo Martín á fronte do PP en Pontevedra segue sen data no calendario.
Alfonso Rueda sinalou que "con toda seguridade" convocarase no primeiro semestre de 2014, pero sen garantir que se celebre antes das eleccións europeas, previstas para o próximo 25 de maio. "Se pode ser en febreiro mellor que en xuño", respondeu o vicepresidente da Xunta a preguntas dos xornalistas e ante a atenta mirada de Jacobo Moreira, actual portavoz municipal e que xa se postulou para liderar o partido na cidade.
Os congresos nas sete grandes cidades, ou polo menos "onde proceda facelos", aclarou Rueda, enmárcanse dentro da estratexia marcada polo PP para os próximos meses. No primeiro cuatrimestre de 2014 están previstos ata 21 congresos locais, o primeiro deles o 18 de xaneiro en Moraña. Posteriormente irán chegando, entre outros, os de Marín, Cuntis, O Grove, Vilanova, Cambados, Poio ou Cotobade.
Será o inicio dun ano no que, segundo o presidente provincial do PP, Rafael Louzán, "poremos en marcha a renovación da práctica totalidade das xuntas locais na provincia", co horizonte posto nas eleccións municipais de 2015, unha cita que cualificou como "moi importante" e para a que os populares puxéronse xa ao choio.
Ademais, no comité executivo provincial celebrado este venres deuse conta do acordo alcanzando entre a Xunta e a FEGAMP para atrasar a xuño de 2014 o aumento do canon de Sogama, da oferta de Pemex para entrar no accionariado de estaleiro vigués de Barreiras, ou das numerosas reclamacións xudiciais (unhas 200 nos xulgados de Pontevedra e máis de 1.000 nos de Vigo) dos afectados polas preferentes.
Relacionadas:
-
O PP escolle o lema de Rajoy para os congresos locais da provincia
Por Redacción |
-
Moreira presentarase á presidencia do PP local cunha lista renovada
Por Oskar Viéitez |
-
Jacobo Moreira: "A Lores tócalle fin de ciclo. Non ten ilusión e se lle ve canso. Dedícase a reinar e non a gobernar"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |