Compras solidarias para favorecer a integración de persoas con síndrome de down
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Ata o 10 de xaneiro pontevedreses e visitantes teñen nas súas mans a oportunidade de colaborar para que a Asociación de Síndrome de Down 'Xuntos' Pontevedra poida seguir realizando o seu labor de apoio ao día a dia e a integración de persoas con síndrome de down e outras discapacidades intelectuais. Poderán botar unha man para sufragar os gastos de funcionamento da entidade á vez que se levan a cambio roupa, libros, complementos, juguetes e todo tipo de bens de consumo. Para iso só terán que acudir ao rastro solidario instalado na rúa Benito Corbal.
O rastro abriu as súas portas este xoves 28 de novembro con dous produtos estrela, un maillot do triatleta Javier Gómez Noya e un balón asinado pola Selección Española de Fútbol, en concreto polo equipo que gañou o Mundial de Sudáfrica, La Roja. Ambas pezas presiden a entrada ao local desde o escaparate, pero non se venden, senón que se sortearán en xaneiro entre os clientes. Para axudar na recadacion, en xaneiro tamén se sortearán a través da Internet senllas camisetas asinadas polo adestrador da Roja, Vicente del Bosque, e polo piloto de Fórmula 1 Fernando Alonso.
Quen acudan ao rastro poderán atoparse desde pezas de roupa da marca Lacoste sen estrear a prezos máis que competitivos (gorros, luvas e cintos por seis euros, camisetas, saias e polos por 15 ou xerseis e pantalóns por 20) a roupa de Cortefiel, calzado direto da fábrica ou bolsos de Meigallo novos, pero con pequenas taras a tres euros.
A diferenza doutro tipo de rastros solidarios, no de 'Xuntos' a maioría dos artigos non son de segunda man, senón novos. Algún é de tempadas anteriores ou ten algunha tara, pero tamén hai xoguetes novidosos, disfraces de última moda ou as últimas novidades editoriais de libros.
Todo é posible grazas a un intenso traballo previo da directiva da asociación. O presidente de 'Xuntos', Manuel Pérez Cabo, explica que se puxo en contacto con decenas de empresas e comerciantes e o resultado é que recibiron doazóns dunhas 50 fábricas e tendas diferentes con pezas novas, ademais de doazóns de segunda man dalgún particular ou achegas de persoas anóninas como un pontevedrés do que non quere revelar a súa identidade que enviou xoguetes valorados en máis de 90 euros directamente dunha xoguetería.
O rastro de 'Xuntos' recibidu doazóns de 50 fábricas e comercios con artigos novos
Esta variedade e calidade dos artigos empuxou a decenas de persoas ao rastro xa nos dous primeiros días de apertura. Ademais, chegaron animados polo "magnífico local" que un particular cedeulles de forma gratuita en plena zona peonil de Benito Corbal: "Estando donde estamos, muchos entran solo porque pasan por delante".
O cliente do rastro é, pola experiencia que Pérez Cabo ten doutros anos, "muy variado" e ata hai xente que vai varias meses ao longo de toda a campaña de apertura e quen "compra aquí los regalos para Navidad".
ÿ o caso de Marina. Pontevedresa de adopción, entrou xa o primeiro día na tenda e sorprendeuse por todo o que había. Xa acudira en anos anteriores, pero este ano destaca a variedade da oferta. Na súa primeira visita non comprou nada, pero "suelo aprovechar para hacer las compras de Navidad", pois "tiene muy buenos precios y si, además, con lo que compras, estás ayudando a una buena causa, pues mejor".
Miguel, veciño de Marín, é xa un incondicional ao rastro de 'Xuntos'. Acode cada ano co mesmo obxectivo na lista da compra, libros. "Tienen siempre los últimos y puedes comprar por tres euros alguno que en la librería el resto del año lo compro por 20". Entre o atractivo do prezo e que "es una buena causa", levou para a casa varios.
E é que todo o recadado neste rastro (10.000 euros na edición do ano pasado) utilízase para sufragar os programas de 'Xuntos' e axudar a cubrir os ocos dun orzamento que anualmente rolda os 200.000 euros. Os fondos irán destinados, en especial, ao programa de promoción da autonomía persoal no que teñen contratados a 14 profesionais e que atenden a uns 100 usuarios entre bebés e 57 anos, todo coa "filosofía de buscar a integración total" das persoas coa síndrome de Down.