Andrés Díaz anuncia que FCC será a nova concesionaria do servizo de recollida do lixo
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Partido Popular de Ponte Caldelas denuncia a "grave situación de abandono con colectores no rural destrozados, remendados, con graves problemas de cheiros e salubridade, etc".
Segundo puideron comprobar os edís do PPdeG, "en moitos lugares non se están cumprindo incluso as frecuencias de recollida no rural e o lixo acumúlase nos contedores durante días" unha situación que "provoca que durante o tempo de calor a veciñanza estea a soportar os malos cheiros procedentes dos residuos que se acumulan".
O voceiro do PP, Antón Xil, esixiralle ao alcalde Andrés Díaz no vindeiro Pleno "que exerza as súas funcións para o que foi elixido e faga seguemento e supervisión do contrato de recollida do lixo no municipio".
Non obstante non terá que esperar á sesión plenaria para saber o que llevai dicir o alcalde que este mesmo xoves ven de anunciar nas súas redes sociais que o 1 de setembro "estreamos nova empresa de recollida do lixo: FCC coa que asinamos contrato".
Deste xeito, asegura o alcalde socialista, "solucionamos así unha 'chapuza histórica' que herdamos da xestión do PP, que asinou un contrato a medida da actual empresa sen posibilidade de sancións por incumprimento".
Con este novo contrato, segundo adianta Andrés Díaz, "en tres meses teremos contedores novos en todas al aldeas do Concello e no casco urbán e incrementaremos tamén os de reciclaxe. Estarán xeorreferenciados para controlar o vaciado e a limpeza dos mesmos a través dunha App".
Engade que no rural repartiranse 300 composteiros gratuitos e no casco urbano implantarase o contedor marrón en canto esté operativa a planta de transferencia da Lama. Ademáis anuncia que haberá un novo camión de recollida e a empresa xestionará o punto limpo do Polígono da Reigosa, que abrirá mañá e tarde de luns a venres e os sábados pola mañá.
"Modernizamos e melloramos o servizo de recollida de lixo e amosamos un claro compromiso co Medio Ambiente, a compostaxe a a reciclaxe" afirma o alcalde antes de concluir dicindo que "agora si teremos un contrato á medida dos veciños, que son os que pagan o servizo e non á medida dunha empresa".