Inauguran a capela na honra da Virxe Peregrina, en Seixido
Por Redacción
Os veciños da Fentosa e O Campo, na parroquia lamense de Seixido, inauguraron a Capela na honra da Virxe Peregrina realizada por subscrición popular a través dun proxecto de colaboración veciñal impulsado, entre outros, por Germán.
O evento contou coa presenza de numeroso público, entre o que estaban o alcalde Jorge Canda e os tenentes de alcalde Jorge Méndez e David Carrera, que se congregou nas inmediacións da nova capela que albergará, ademais da Virxe Peregrina, a San Xudas, a Virxe da Guadalupe, a Virxe do Pilar e a Sagrada Familia.
Germán Piñeiro , nunha alocución aos presentes antes de que compartiran un xantar de confraternidade, agradeceu ao Concello da Lama a súa colaboración para poder edificar este novo templo que, segundo manifestou, non so será para os veciños da Fentosa e O Campo, promotores da iniciativa, senón para todo aquel que queira rezar e achegarse ata a capela para efectuar algunha plegaria ou deixar algún exvoto.
UNS 300 COMENSAIS NO XANTAR DE CONFRATERNIDADE
Piñeiro Teodosio agradeceu aos preto de 300 comensais a súa participación neste evento e, moi especialmente, ás familias que colaboraron económicamente sufragando non so a construción da capela senón tamén as imaxes que foron mercadas, na súa maioría, en Portugal.
A Charanga Os Encerellados animou os momentos previos ao xantar e tamén a sobremesa. A festa continúa ás 21:30 horas cunha gran sardiñada e churrascada e rematará cunha verbena na que participarán Os Encerellados, o grupo musical 3.COM e un Dj.
O alcalde, Jorge Canda, felicitou aos veciños por esta iniciativa comunitaria e avogou polo entendemento e a boa veciñanza para seguir mantendo unidos aos residentes en Fentosa e O Campo, como ata agora.