A Insua celebra a procesión nocturna dos fachos
Por Redacción
Esta fin de semana, a parroquia da Insua celebra as Festas na Honra da Virxe das Dores.
Os actos comezaban o venres 19 coa actuación da orquestra El Combo Dominicano e o trio 3.Com. A principal cita relixiosa desenvolvíase no serán deste sábado, despois dun pasacalles a cargo da Banda de Música Unión Musical de Tenorio e da celebración da misa, no último día da Novena. Decenas de devotos sumábanse á procesión nocturna con alfombras florais denominada dos fachos porque os participantes levan candeas e tamén se instalan nas ventás e balcóns das vivendas.
Durante os días previos, a veciñanza elaboraba alfombras con elementos naturais por distintos puntos da parroquia. Portando a imaxe da Virxe, os fieis realizaban o percorrido pola Insua durante a noite chegando á praza central onde se realizaba a ofrenda. O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, participaba deste acto tradicional no penúltimo sábado do mes de agosto.
Tras a procesión, a festa continuaba cunha gran verbena amenizada polo trio La Ola. Este domingo 21 permanecerá a actividade polas rúas coa música do grupo de gatias Os Xeitosos da Insua e coa misa solemne oficiada, a partir das 13.00 horas, en honra da Virxe das Dores.