A Lama estrea a súa renovada casa do concello
Por Redacción
A Lama estrea casa do concello despois das obras de ampliación e acondicionamento que deron unha nova vida ao edificio.
As obras, sufragadas con 180.000 euros do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, permitiron ampliar o espazo das dependencias municipais, á vez que facilitaron a adaptación á normativa sobre accesibilidade.
O deputado provincial Carlos Font e o alcalde da Lama, Jorge Canda, visitaron as instalacións e comprobaron a transformación que viviu o edificio.
Entre os cambios realizados está a dotación de aseos adaptados, a instalación dun ascensor que elimina as barreiras arquitectónicas para o acceso da veciñanza ao primeiro andar, onde se sitúan boa parte das oficinas municipais e o salón dos plenos.
Pola súa banda, a sostibilidade mellorouse mediante a instalación de luminarias eficientes enerxeticamente. A eficiencia enerxética do edificio tamén se optimizou mediante actuacións na envolvente exterior, como selado de xuntas para evitar as filtracións de auga.
A ampliación da casa do concello tamén transformou o andar baixo, onde se redistribuíron os espazos e creáronse salas de espera. Tamén acondicionaron en xeral o edificio, con traballos de pintado, así como unha actualización da súa estética.