Prenden lume ao monte de Aguasantas desde tres puntos diferentes
Por Alejandro Espiño
A rápida actuación dos medios de extinción de incendios impediu que o incendio detectado este sábado en Aguasantas, en Cerdedo-Cotobade, fora de gravidade.
O lume, que afectaba á zona de Ceraxe, quedou controlado polas brigadas de Medio Rural en apenas unha hora desde que se detectou, ao comezo da xornada.
Pero o rechamante do caso é que, segundo denuncia o alcalde, Jorge Cubela, o incendio foi claramente intencionado. Tentaron que o monte ardese desde tres puntos diferentes.
"Os terroristas que provocan os incendios rematarán no cárcere", advertía o rexedor a través das súas redes sociais.
As autoridades fixeron un chamamento para que calquera persoa que poida ofrecer información que axude a identificar os pirómanos avise á Garda Civil.