Plan a cinco anos para restaurar os ecosistemas das illas Cíes, Ons e Sálvora
Por Redacción
O proxecto transnacional LIFE insular chega a Galicia. Farao da man da Universidade de Santiago e da Xunta de Galicia, que colaborarán nunha iniciativa que busca restaurar de maneira integrada os hábitats naturais das illas Cíes, Ons e Sálvora.
LIFE insular é un programa para promover un estado de conservación favorable dos hábitats dos espazos insulares pertencentes á Rede Natura 2000 no Océano Atlántico, ao tempo que se aumenta a súa resiliencia como medida de adaptación ao cambio climático
Ponse o foco de atención sobre oito zonas de especial conservación localizadas en cinco illas que son, ademais das tres galegas, La Graciosa, en Canarias, e Irlanda.
A través desta iniciativa de colaboración minimizarase o impacto de posibles perturbacións externas sobre as zonas de actuación, entre eles o risco de vendavais ou a erosión eólica catastrófica, e traballarase para recuperar a paisaxe natural destas illas.
O obxectivo é "reverter" a situación á que había setenta anos atrás, segundo explicou este luns a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, tras a sinatura do convenio co Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural, que coordinará toda esta acción.
Entre outras actuacións, programaranse accións de eliminación e control de especies exóticas invasoras, a supresión de plantacións forestais ou medidas de protección fronte a actividades humanas que incidan nestes hábitats, como poden ser o control do tránsito de visitantes ou a instalación de captadores pasivos de area.
Así mesmo, o proxecto inclúe unha estratexia de sensibilización e difusión pública mediante xornadas en datas sinaladas, accións de voluntariado, talleres escolares e colocación de paneis informativos, entre outras.
Por último, tamén se prevé un plan de conservación unha vez rematado o LIFE insular -con data de finalización prevista para o 31 de decembro de 2026-, o que permitiría darlle seguimento e continuidade.
O orzamento para executar todo este proxecto a cinco anos é de máis de 5,2 millóns de euros.