Boa Vida presenta a súa Escola de Verán cunha aposta pola formación política e social
Por Cristina Saiz & María José Pita
A Asociación Boa Vida Inclusión Activa de Pontevedra presentaba este martes na súa tenda da rúa Santa Clara, 35, as actividades da súa Escola de Verán, que se celebrará no inicio do mes de setembro, os días 1, 2 e 5.
Nesta edición número once están programadas tres xornadas de formación e unha exposición para dar a coñecer a vida e a obra do fundador de Traperos de Emaus Internacional, Abbé Pierre, e o traballo práctico do atelier téxtil de Boa Vida. As conferencias centraranse nas necesidades da poboación en situación de pobreza e/ou exclusión, e están confinanciadas pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo.
Arrinca o programa o xoves día 1 de setembro ás 18.00 horas co relatorio sobre as modificacións do regulamento da Lei de Extranxería que cambian as condicións para acceder aos permisos de residencia e traballo, na Sala Nemonon, situada na rúa Marqués de Riestra, 11. Correrá a cargo de Gemma Vilas, mediadora intercultural, e Maribel Álvarez, avogada especialistas en temas de migracións.
O venres día 2 ás 11.00 horas o director de Traperos de Emaús de Pamplona, José María García, inaugura a Primeira Escola de Formación Política de Boa Vida tamén na Sala Nemonon. Nesta xornada explicarase que a política é parte fundamental das nosas vidas, dende como pensamos e sentimos ata como actuamos. Máis en detalle abordaranse as causas que producen pobreza e que medidas politícas podemos realizar coas nosas prácticas e de cara a reclamar ante as administracións públicas.
O mesmo venres, na sede-tenda de Boa Vida na rúa Seca, 3, a partires das 17.00 horas, haberá unha tertulia-café para analizar a actual crise post-covid e a guerra de Ucrania.
O luns 5 de 17.00 horas as 19.00 horas a xerente da empresa de inserción laboral Vivir do traballo e coordinadora das tendas de Boa Vida, Lourdes Bustamente, explicará os inicios e percorrido deste atelier textil que desenvolve Boa Vida, no que se reutilizan principalmente as prendas vaqueras converténdoas en todo tipo de novos productos dende delantais, coxíns, bolsas ou bandexas baleira-petos.
Durante estes tres días poderase visitar a exposición na Sala Nemonon nos seguintes horarios: de 11 a 14h. de 17 a 20 h. o xoves 1 de setembro; o venres 2 de 10 a 14 h.; e o luns 5 de 11 a 14h. de 17 a 19h.
A participación está aberta a todo o público interesado e é de balde.
Relacionadas:
-
'Emerxencia vivenda', a campaña de Boa Vida, Cáritas e Manos Unidas para loitar contra a pobreza
Por Redacción |
-
Apelan á "conciencia cidadá" para combater as causas de pobreza e exclusión social
Por Alejandro Espiño |
-
Organizan actos reivindicativos na Boa Vila polo Día Mundial das Persoas Refuxiadas
Por Redacción |
-
Boa Vida aposta pola formación para axudar as persoas a saír de situacións de vulnerabilidade
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Boa Vida abre nova tenda solidaria: "Temémonos que a xente de aquí xa non sae a pedir axuda"
Por Mónica Patxot & María José Pita |