Tenorio prepárase para as festas na honra da Virxe do Rosario, San Roque e a Virxe do Carme
Por Redacción
Música de banda, grupos folclóricos, charangas e orquestras compoñen a principal oferta festiva que haberá en Tenorio, os próximos días 7, 8, 9 e 10 de setembro, para celebrar as festas na honra da Virxe do Rosario, San Roque e a Virxe do Carme.
As celebracións arrancarán o mércores 7, ás 20:00 horas, co concerto da Banda de Música de Cerdedo. Posteriormente, terá lugar a verbena amenizada pola música de Ángel América e Antonio Barros, o mellor cantante da TVG no 2021.
A xornada do xoves 8 comezará pola mañá coa tirada de bombas. A partir das 10 da mañá o Grupo Foula e a Banda Unión Musical de Tenorio protagonizarán o pasacalles.
A misa cantada polo coro parroquial comezará ás 13:00 horas e ao seu remate haberá unha procesión acompañada polo Grupo Foula e a Banda Unión Musical de Tenorio, que tamén ofrecerán un concerto na sesión vermú.
Ás 21:30 horas a Banda de Música Unión Musical de Tenorio ofrecerá un concerto e, a continuación, terá lugar a gran verbena a cargo das orquestras Arizona e Escaparate.
O venres 9, pola mañá, haberá gran tirada de bombas e a partir das dez procederase ao pasacalles a cargo de Os Trazantes de Tenorio. Ás 13:00 horas será a misa cantada polo coro parroquial, seguida de procesión e unha sesión vermú acompañada polos Trazantes. Pola noite haberá unha gran verbena amenizada por Alma Latina e Stereo.
As festas concluirán o sábado 10 de setembro. A xornada festiva comezará co lanzamento de bombas de palenque e, ás dez da mañá, a Charanga Charandonga de Tenorio e a Banda Escola Unión Musical de Tenorio ofrecerán un pasacalles.
Ás 13:00 horas terá lugar a misa cantada polo coro parroquial, seguida de procesión e unha sesión vermú. Ás 21:30 horas a Banda Escola Unión Musical de Tenorio ofrecerá un concerto e, a continuación, terá lugar a verbena amenizada por Salsarena e o trío Azar.