Vilar e Bon estrean farois eficientes que suporán un aforro de 4.500 euros anuais
Por Redacción
O Concello de Bueu acaba de renovar dous tramos de alumeado na parroquia de Beluso, nos lugares de Bon e Vilar.
En concreto, substituíronse dezasete farois en Bon e outros oito en Vilar, adaptándoos á tecnoloxía LED, o que permitirá mellorar este servizo público ao tempo que se logra unha maior eficiencia enerxética.
Os traballos que se levaron a cabo consistiron na renovación de farois modelo villa e con potencias de entre 150 e 200 vatios e vapor de sodio, por outras luminarias de sistema led e dun consumo de 42 vatios. Segundo informan fontes municipais, o obxectivo era substituír un material antigo e deteriorado que ocasionaba diversos problemas de avarías, así como un excesivo consumo enerxético e un custo económico innecesario que había que corrixir.
Félix Juncal, alcalde de Bueu e concelleiro de Obras e Servizos, salienta que "estas obras son especialmente necesarias na actualidade, porque o custe da enerxía sube cada día" e para avanzar no cumprimento das medidas contempladas no Pacto das Alcaldías Polo Clima e a Enerxía (PACE) ou a Axenda 2030. Só con esta actuación en Vilar e Bon o Concello de Bueu calcula que as arcas municipais aforrarán ao ano aproximadamente 4500 euros.
A substitución de luminarias continuará nos próximos meses. De cara a finais de outono, o alcalde de Bueu confía en que se poida levar a cabo a execución do programa IDAE II coa Deputación de Pontevedra, que permitirá a renovación da iluminación en varias zonas da vila, concretamente de Pazos Fontenla, Montemogos, Pousada e Banda do Río.
Relacionadas:
-
Bueu mellora a iluminación na zona de Cabo Udra
Por Redacción |
-
O IDAE concede á Deputación axudas para instalar as placas solares en Caldas de Reis e Ribadumia
Por Redacción |
-
Bueu aforra 33.600 euros no recibo eléctrico municipal con medidas de eficiencia enerxética
Por Redacción |
-
Comeza a substitución de máis de 200 luminarias led en diversas zonas de Bueu
Por Redacción |
-
Bueu coloca novas papeleiras e arranxa o alumeado público de varias rúas
Por Oskar Viéitez |