Máis de 170 rapaces pasaron este verán polo Espazo Concilia de Barro
Por Redacción
O Espazo Concilia de Barro despediuse ata o verán que vén cunha gran festa. Máis de 170 rapaces e rapazas participaron nas actividades programadas durante os dous últimos meses.
É un récord de asistencia a este programa municipal de conciliación laboral e familiar, xa que este ano o Concello de Barro decidiu facer un esforzo para que ninguén quedara sen praza.
Esta actividade desenvolveuse no Pazo da Crega e en todo o espazo natural que o rodea e, nesta edición, ademais de múltiples actividades, as nenas e nenos puideron gozar en horario de mañá da piscina municipal.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, destacou que "é unha satisfacción ver como desde a administración municipal podemos impulsar e ofertar este tipo de actividades que, ao mesmo que axudan ás familias".
Ademais, subliñou que o Espazo Concilia permite que nenos e nenas "poidan ter unha alternativa de ocio de calidade e que poidan pasar o verán divertíndose e relacionándose uns cos outros".