Valongo quenta as cociñas para celebrar esta fin de semana a Festa da Filloa
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, acompañado polo tenente de alcalde Fernando Vázquez, a concelleira Galiza Aguete e numerosos veciños de Valongo presentou a 44ª edición da Festa da Filloa, que se celebrará esta fin de semana.
No evento participarán case unha trintena de cociñeiros e cociñeiras que serán os encargados de repartir preto de 5.000 unidades ao longo da xornada gastronómica que se desenvolverá na tarde do sábado 3 de setembro.
A organización agarda a presenza de centos de persoas que volverán á cita habitual con esta festa gastronómica, das máis antigas da comarca que seguen en activo e que volve ao panorama festivo despois do parón rexistrado estes dous últimos anos por causa das restricións impostas pola pandemia da Covid-19.
PROGRAMA DE FESTAS
Esta actividade gastronómica inclúese nas festas da Virxe do Libramento que comezan este venres 2 de setembro cunha churrascada nocturna con degustación de chocolate e rosca, e que estará amenizada polo grupo Son das Tabernas e o trío grovense "La Noche".
O sábado 3 de setembro será o día forte destas festas xa que ás 18:30 horas da tarde comezarán a elaborarse as saborosas filloas de Valongo e ás 19 horas fará entrada no recinto das festas a banda Os Catro Ventos que amenizará a xornada vespertina. Pola noite, haberá verbena a cargo de Millenium e América S.L. e pechará a xornada EME Músic. Haberá unha tirada de fogos de lucería ás 23:55 horas.
O domingo 4 de setembro, a partir das 12 do mediodía entregaranse os trofeos da 44ª edición da Festa da Filloa de Valongo e ás 12:30 horas fará a súa entrada no recinto festivo a Banda de Gaitas Os Coribantes. A misa solemne terá lugar ás 13:15 horas seguida de procesión.
Relacionadas:
-
Festas en Carballedo na honra de San Miguel e cun xantar de confraternidade veciñal
Por Redacción |
-
Festas en Corredoira na honra da Virxe das Dores
Por Redacción |
-
Filloas suculentas alborozan en Valongo
Por Redacción |
-
Editan unha guía gastronómica coas oito festas de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Filloas para dar e tomar este sábado en Valongo
Por Redacción |
-
Valongo servirá 5.000 filloas o sábado na súa festa gastronómica
Por Oskar Viéitez |
-
A Festa da Filloa celébrase en Valongo con motivo dos actos da Virxe do Libramento
Por Redacción |