Inaugurado o Estaleiro de Purro como centro museístico da cultura mariñeira de Bueu
Por Redacción
Xa está inaugurado o Estaleiro de Purro en Bueu trala finalización da segunda fase de restauración e musealización.
Ao acto asistiu a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que reivindicou a memoria colectiva da vila e a súa cultura mariñeira na zona exterior do estaleiro coa praia da Banda do Río ao fondo.
Coa testemuña máis dun cento de persoas, destacou entre elas o alcalde Félix Juncal, as alcaldesas de Cangas, Victoria Portas; e Moaña, Leticia Santos; concelleiras/os de Bueu e representantes do mundo da cultura e colectivos veciñais, e Manolo Purro, o último carpinteiro de ribeira.
A inauguración estivo coordinada pola poeta Miriam Ferradáns e o ilustrador Luis Davila, que foi debuxando unha obra mentres Xosé Daniel Costas, fundador da Asociación Cultural Lonxa Literaria de Moaña; Lucía Novas, poeta de Bueu; Susana Aríns, poeta e integrante da plataforma de crítica literaria feminista; e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, declamaban versos. A parte cultural do acto completouse coa actuación de Sheila Patricia, unha das artistas que forman parte do catálogo de Descúbreas da Deputación, quen interpretou varios temas musicais.
Unha vez finalizadas as manifestacións culturais, proxectaron dous vídeos que amosaron como se xestou o estaleiro e a súa historia na vila de Bueu con declaracións de Víctor Domínguez, fundador da Asociación de Amigos de Embarcacións Tradicionais Os Galos de Bueu e falecido o ano pasado.
Lola González, neta de Manolo Purro, subiu de seguido ao escenario para recitar un poema como sorpresa para o seu avó, quen se amosou agradecido por un xesto de cariño tan especial. A inauguración rematou coa descuberta dunha placa no interior do estaleiro e unha pequena visita ao espazo.
A presidenta da Deputación destacou "tódalas historias que naceron neste estaleiro, que marcaron o devir da poboación de Bueu e que agora, tras esta musealización, esperamos que todas e todos poidamos aprender delas".
Ademais, "con esta actuación buscamos que poidan volver a xurdir novas historias de superación, de cultura, amizade ou amor pola nosa provincia nun lugar tan marabilloso como é o da praia da Banda do Río e a súa contorna".
Pola súa banda, Félix Juncal asegurou que "despois dunha longa travesía, por fin podemos dicir que o estaleiro estará con nós para sempre". Na súa intervención, o alcalde tamén agradeceu a loita de todas as persoas que fixeron posible este proxecto e fixo unha mención especial a Manolo Purro e á súa familia "por deixarnos este estaleiro que é coma o embrión do que parte a historia do noso pobo", e a Víctor Domínguez que para Bueu "será sempre un baluarte fundamental na defensa do patrimonio".
Con esta inauguración remataron as actuacións de restauración e musealización do antigo estaleiro da Banda do Río, o único que conserva unha carpintería de ribeira na ría de Pontevedra. Estas actuacións leváronse a cabo en dúas fases, a primeira centrouse na carpintería e rematou en 2018 mentres que a segunda -a inaugurada hoxe- fixo fincapé na musealización e recreación dos espazos interiores.
Todo isto foi posible gracias a dúas achegas do Plan Concellos da Deputación que suman 427.247 euros.