Agustín Hernández inaugura a estrada que non puido coa píntega rabilonga
Por Oskar Viéitez
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, xunto aos alcaldes de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, da Lama, Jorge Canda, e de Cotobade, Jorge Cubela, inauguraron este luns o vial Ponte Caldelas-Forzáns (PO-255), que foi obxecto dunha obra de acondicionamento xunto co tramo Caritel-A Lama (PO-241).
Hernández explicou que esta obra xa rematada supuxo un investimento total de 12,8 millóns de euros. Inicialmente este eixo viario tiña outro trazado pero foi necesario modificalo para protexer a un anfibio, de nombre científico Chioglossa lusitanica. As protestas de veciños e colectivos ecoloxistas forzaron á Xunta a deseñar outra alternativa.
Finalmente quedou unha actuación en forma de Y, con Caritel como eixo central. Foi parcialmente posta en servizo durante o ano pasado. Así, en febreiro de 2012 abriuse ao tráfico o treito Caritel-Forzáns, cunha lonxitude de 2 km; e en xuño do mesmo ano púxose en servizo Caritel- A Lama, con 2,48 km. Para completar os 9 km totais de actuación, recentemente vénse de abrir o treito máis longo, Ponte Caldelas-Caritel, con 4,5 km.
Cómpre sinalar que se executou unha mellora da estrada mediante a rectificación de curvas, mellora do trazado e dúas glorietas, unha en Caritel e outra en Forzáns.