O BNG asegura que o de Sanxenxo "non é un caso illado" e denuncian unha "trama" urbanística
Por Alejandro Espiño
A situación do Concello de Sanxenxo, trala imputación de trece persoas, entre elas a alcaldesa e a secretaria xeral de Urbanismo, por presuntas irregularidades urbanísticas en Sanxenxo, é "insostible", segundo denuncia o BNG. O seu voceiro no municipio, David Otero, vaticina que "isto vai continuar, van suceder máis cousas" en relación coa Xerencia de Urbanismo, e por iso insiste en que Catalina González debe dimitir.
Non se cre as explicacións públicas da alcaldesa, xa que "se alguén ten constancia e leva as cuestións urbanísticas neste concello é ela". Está imputada, recordan, por prevaricación, tráfico de influencias e suborno. Este último cargo é, para os nacionalistas, "sumamente grave". Todo se deriva, segundo apuntaron, dunha Xerencia de Urbanismo "que nós xa denunciamos hai tempo que era un espazo de impunidade".
Estas actuacións da Xerencia "tiñan que ser consentidas porque eran moi evidentes". Neste sentido, David Otero afirmou que como consecuencia de estas decisións urbanísticas "estamos nunha situación penosa". Citou o portavoz nacionalista sentenzas "millonarias" en contra do Concello "que van a condicionar o noso futuro".
Por todo isto, o BNG solicitará a convocatoria dun Pleno extraordinario para que Catalina González explique claramente os termos da súa imputación e onde reiterarán a súa petición de dimisión porque "non podemos permitir que Sanxenxo soporte durante meses que a súa imaxe de vea manchada por estas imputacións", una situación, sinalou, que os veciños "ni entenden nin toleran".
"Estamos falando dunha trama urbanística", sinalou David Otero, tomando como referencia a intervención inicial de Xoan Allegue, responsable comarcal do BNG no Salnés, que afirmou que o que está sucedendo en Sanxenxo "por desgraza non é un caso illado". Recordou que casos similares déronse recentemente en concellos como Vilagarcía, A Illa, Ribadumia ou Cambados.
INICIATIVAS NO PARLAMENTO
Pero o BNG non se limitará a pedir explicacións en Sanxenxo. Levará este asunto ao Parlamento galego porque "por moito que o PP quera minimizalo, este asunto ten a máxima trascendencia", segundo afirmou a deputada, Montserrat Prado. Os nacionalistas veñen de presentar una iniciativa parlamentaria para esixir ao goberno galego o cese de Encarnación Rivas como secretaria xeral de Urbanismo al entender que é "inadmisible" que siga no seu cargo.
"Núñez Feijóo ten que proceder ao seu cese inmediato", advertiu Montserrat Prado, quen aseguro que Encarnación Rivas "non pode permanecer nin un minuto máis" no goberno galego, ao ser unha persoa "imputada por prevaricación e posible suborno". E máxime cando ela é a máxima responsable da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, á fronte da cal "non pode estar alguén que xere dúbidas pola súa imputación".
Os populares, insistiu, "non poden mirar cara outro lado" e por iso pediranlle explicacións ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. A el, como presidente del PPdeG, cuestionaranlle sobre a opinión que lle merece a continuidade de Catalina González como alcaldesa de Sanxenxo diante da súa imputación e sobre as medidas que vai a tomar diante da situación que se está a dar no municipio.
"Non é un tema menor e Núñez Feijóo e Louzán teñen que tomar medidas xa e se non o fan quedarán invalidados publicamente", concluiu a deputada nacionalista, non sen antes sinalar que se non hai resposta neste sentido, o BNG entenderá que no Partido Popular hai unha dobre moral "protexendo sempre aos seus, mentres amosan unha axilidade sorprendente para denunciar as irregularidades dos demais".