Arranca a campaña de doazón de material escolar de Amigos de Galicia
Por Mónica Patxot & María José Pita
O curso escolar 2022-2023 preséntase especialmente complicado para familias en situación de vulnerabilidade e/ou risco de exclusión social.
Dende a Fundación Amigos de Galicia calculan que o incremento da inflación pode traducirse nunha suba do 25% nos prezos dos libros e material escolar con respecto ao ano anterior.
Co obxectivo de cubrir as necesidades escolares dos nenos e nenas de familias con baixos recursos e que poidan desenvolver os seus estudos en igualdade de condicións, a Fundación Amigos de Galicia pon en marcha a súa campaña solidaria de recollida de material escolar "Nas súas mochilas, o seu futuro".
Con esta campaña, menores dos niveis de Infantil, Primaria e Secundaria recibirán unha mochila con todo o material escolar necesario para seguir o curso.
As persoas que queiran colaborar, poden achegarse aos puntos de recollida que se detallan na web da campaña, desde papelerías ata centro comerciais, como é o caso de Alcampo en Vilagarcía, e mercar o material que desexen doar. Todo o material ten que ser novo. Outra maneira de colaborar é achegando unha cantidade económica coa que mercar unha mochila completa: 21,95 euros para a mochila infantil (3 a 6 anos), 42,95 para a mochila primaria (de 7 a 12 anos) e 49,95 para a mochila secundaria (de 13 a 16 anos). Toda información pode recabarse na web da campaña.
A campaña de recollida desenvolverase ata o 15 de setembro. Zoe Calvo, desde o Departamento de Comunicación de Amigos de Galicia, manifestaba que "estes últimos anos rexístrase un aumento das solicitudes. Aos efectos da covid, este ano súmase a suba dos prezos do material escolar e isto supón un grande esforzo para as familias".
Na pasada campaña de 2021, a Fundación repartiu 1245 mochilas e para este ano as expectativas é que se manteñan sobre as mesmas cifras.
As mochilas están compostas, como mínimo, por cadernos, lapis, cores, gomas, bolígrafos, regras, rotuladores, tesoiras e pegamento. Ademais, nesta ocasión Amigos de Galicia lembra que agora mesmo, o máis solicitado para poder encher estas mochilas escolares son: estoxos de tres cremalleiras, subraiadores de cores, tippex, carpetas e axendas.
Amigos de Galicia tamén fai un chamamento para todos aqueles establecementos que se queiran adherir como colaborador para ser punto de recollida das doazóns deste material escolar. Os interesados poden contactar a través de: Contacto - Fundación Amigos de Galicia (FAG).
Así mesmo, todas as familias que o precisen, poden facer a súa solicitude de axuda escolar tamén na web da campaña ou contactando con Amigos de Galicia: en Pontevedra, no Edificio Administrativo da Xunta en Benito Corbal (teléfono: 661 777 352), e en Vilagarcía, na avenida Matosinhos, 2 (teléfono: 610 475 431).