Traballadores das ambulancias da área sanitaria Pontevedra-Salnés denuncian graves carencias no servizo
Por Mónica Patxot & María José Pita
"Desde o comité de empresa de Ambulancias Civera queremos deixar claro á poboación de que todo o que está a ocorrer na área sanitaria non é culpa dos profesionais". Nestes termos remataba o comunicado que este martes 6 de setembro foi lido ás portas do aparcamento traseiro do Hospital Provincial de Pontevedra durante a concentración que protagonizaron os traballadores do servizo de ambulancias que cubre a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e do que Ambulancias Civera é a actual concesionaria.
O 1 de abril de 2021 a empresa valenciana Ambulancias Civera Servicios Sanitarios Integrales facíase cargo do servizo de transporte sanitario tras un concurso público ao que non se presentou a anterior concesionaria, Ambulancias Pontevedra. A licitación foi de 19 millóns de euros por tres anos e dous de prógrroga. Desde que Ambulancias Civera asumiu o servizo, as protestas dos traballadores son continuas. Un dato significativo é que Civera está a cubir o servizo con 7 ambulancias menos con respecto á concesionaria anterior.
"É o único de Galicia deficitario, a sabendas disto, a xerencia da EOXI (Estrutura Organizativa de Xestión Integrada do Servizo Galego de Saúde) de Pontevedra licitou e contratou a actual concesionaria, influíndo notablemente na asistencia os doentes, tendo esperas interminables nos seus tratamentos", sinalaba o presidente do Comité de Empresa de Ambulancias Civera, Antonio Gondariz, que expoñía o caso dos pacientes de diálise, que en moitos casos ven retrasado o traslado ao hospital para o seu tratamento de 3 ou 4 horas en máis dunha hora.
GRAVES ATRASOS NA UVI MÓBIL
"Un exemplo claro da mala xestión de recursos é o servizo de UVI móbil para trasladar ao Hospital Clínico de Santiago desde o Hospital Provincial a unha nena que sufriu unha caída, esta nena tivo que esperar pola ambulancia UVI unha hora, cando perigaba a súa vida", indicaba Antonio Gondariz.
Neste caso, o problema radicou en que, cando hai algunha baixa na sede de Pontevedra, a coordinación derívase a Valencia e desde alí non só mostran total descoñecemento nos tempos e distancias entre as localidades galegas senón tamén unha falta de información sobre as características de cada centro hospitario. No caso da nena, o que era unha urxencia pediátrica cun quirófano disposto foi obviado, xa que a ambulancia UVI estaba cubrindo outro servizo de transporte normal.
Desde o comité de empresa de Ambulancias Civera tamén mencionan a tensión que viviron no Día Grande das Festas da Peregrina, no que estiman que a comarca de Pontevedra podía pasar das 100.000 persoas nesa noite, na que, ademais das atraccións na Alameda, había concertos e afluencia das peñas taurinas. "Ese día de noite, sen ningunha UVI operativa, xa que non había técnico para cubrir esa quenda", alerta o voceiro dos traballadores.
INSTALACIÓNS E UNIFORMES EN MAL ESTADO
Antonio Gondariz tamén relata unhas condicións deplorables na nave do lugar da Ermida-Marcón, no cruzamento da estrada Pontevedra a Ponte Caldelas, onde teñen que facer as gardas. "Temos unha soa ducha para 80 traballadores. O dormitorio é mixto para compañeiras e compañeiros, non salvagardando a intimidade dos que alí pernoitan. Non hai un sitio onde lavar a louza que se utiliza para os que alí cean ou comen, tendo que lavar a louza nos baños. Non temos taquillas para ter un uniforme limpo e en caso de mancharse un técnico, con sangue ou empapado pola choiva, por exemplo, ten que ir á súa casa para cambiarse, tendo en moitos casos que percorrer ata 40 quilómetros".
Ademais, os uniformes deste persoal continuamente exposto a riscos que lles facilitou Ambulancias Civera "non son homologados", denuncia Gondariz, xa que deberían ser "por normativa da unión Europea da clase 2 e categoría 2". Na práctica, estes profesionais expóñense a graves riscos para a súa integridade xa que estes EPIs carecen de elementos reflectantes que, en actuacións de noite, habituais no caso de asistencia en accidentes de tráfico, son claves e obrigatorios para evitar seren atropelados na estrada.
Estas demandas súmanse a reivindicacións que arrastran dende que hai 17 meses Ambulancias Civera asumise o transporte sanitario de pacientes na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e das que o comité de empresa informou á xerencia, sen obter resposta. Como que a "a empresa non está a respectar as antigüidades dos contratos convertidos a indefinidos, en moitos casos de compañeiros que lle rouban tres anos de antigüidade a cal lles pertence cobrar" ou o mal estado das rodas dos vehículos que poñen en serio perigo a vida tanto dos doentes como dos técnicos ou outras persoas que circulen pola estrada en caso de que derive en accidente.
Coa concentración deste martes, ao berro de "Non aos recortes nas ambulancias", queren conseguir unha acción por parte da xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés que poña fin á situación de perigo constante no que están a desenvolver o seu labor, xa sexa esixindo á empresa Ambulancias Civera que solucione de inmediato as deficiencias ou ben convocando un novo concurso público con carácter urxente. Non desbotan ir á folga, aínda que de momento prefiren esgotar a vía da negociación para que os usuarios non se vexan máis afectados por esta lamentable xestión do servizo de ambulancias.
Relacionadas:
-
Persoal de Ambulancias Civera péchase no Hospital Montecelo para denunciar impagos do salario
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
Ambulancias Civera responde ás acusacións da CIG e admite que o concurso do servizo foi "deficitario desde o principio"
Por Redacción |
-
A CIG esixe o rescate da concesión do transporte sanitario programado de Pontevedra-O Salnés
Por Redacción |
-
As Comisións de Centro de Pontevedra demandan unha reunión urxente con Flores ante a precarización de Atención Primaria
Por Redacción |
-
A CIG pide á Fiscalía que investigue a xestión do transporte sanitario na área de Pontevedra-O Salnés
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Desconvocada a folga de ambulancias do transporte programado da área sanitaria
Por Oskar Viéitez |
-
Convocan folga nas ambulancias do servizo programado e intrahospitalario pola falta de medios e a ruptura do acordo laboral
Por Anxo Lourido |
-
Ambulancias Civera encargarase do transporte sanitario na área de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción |