O próximo dous de outubro a Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra convoca a cuarta edición da marcha anual que se retoma tras as suspensións dos dous anos anteriores. Trátase dunha proba deportiva, que non competitiva, de algo máis de seis quilómetros, que pode realizarse ao ritmo que cada participante queira. A participación non ten límites de idade. Sairá desde a Alameda de Montero Ríos, para seguir por un percorrido urbano que continuará cara ás marismas de Alba e regresar pola ponte de As Correntes ao lugar de inicio.
As inscricións xa están abertas e teñen un prezo de nove euros, cinco euros para idades entre catro e doce anos; menores de tres anos, gratuíta. Formalízanse na sede da Asociación, nas mesas que se van a instalar pola cidade e a través da web Rock The Sport ata o 29 de setembro; ademais o propio día da proba tamén poderán realizarse na mesma Alameda. Onde e como recoller os seus dorsais - incluídos os solidarios - e os engadidos que conleva a inscrición explícano no podcast 'Cara a cara'(que podes escoitar pulsando na ligazón que acompaña a información).
Preguntamos ademais á presidenta provincial da AECC, Carmen Abeledo e a súa responsable de comunicación Pilar Canda, por outras cuestións relacionadas coa Asociación como é o feito de que case unha cuarta parte dos diagnósticos de cancro en España sexan pouco frecuentes, como está a repercutir a deterioración da calidade asistencial na detección de tumores ou sobre as axudas económicas de emerxencia que a Asociación Contra o Cancro ofrece e que confirman aumentaron a demanda.
O próximo decembro cumprirán o primeiro ano de actividade na nova sede situada na rúa Eduardo Pondal. "Temos maior visibilidade para a cidadá, mellores condicións para traballadores, voluntariado, pacientes e familias; máis actividades e creamos unha unidade de exercicio físico oncolóxico", comentan no programa de PontevedraViva Radio.