O Supremo corta as ansias de liberdade do avogado Franco Argibay
Por Natalia Puga
Xa non hai máis opcións para Manuel Franco Argibay para eludir a prisión pola súa estafa a dous clientes cando exercía de avogado en Pontevedra.
O Tribunal Supremo acaba de confirmar a sentenza na que a Audiencia Provincial de Pontevedra o condenou o pasado marzo a catro anos de cadeapor unha estafa continuada a J.R.R. e a súa nai, I.R.P., abusando da confianza que tiñan nel por levar sendo anos o seu avogado.
Franco Argibay presentou recurso de casación ante o Supremo reclamando a súa absolución, pero o Alto Tribunal desestimouno. Rexeitou os seis motivos alegados polo condenado contra a sentenza da Audiencia: tres por infracción de lei, un por erro de feito, un vulneración da presunción constitucional de inocencia e un por quebrantamento de forma.
A sentenza recén confirmada tamén condena o avogado pontevedrés a unha multa de 1.620 euros e 730.110 euros en indemnizacións.
O tribunal cifra nestes 730.110 euros o valor das propiedades das que se apropiou Franco Argibay "consciente da confianza depositada nel polos seus clientes". Trátase de media ducia de terreos, dous pisos e un ático no centro de Pontevedra.
Franco Argibay é coñecido por moitos por ser o asesor legal do narcotraficante fuxido 'Pelopincho' na operación 'Cormorán' de branqueo de capitais, na que chegou a un acordo co fiscal para cumprir tres anos e tres meses de cadea.