Unha verbena a cuberto, grande atractivo en Filgueira para as Festas dos Remedios
Por Redacción
O lugar de Filgueira acollerá, entre os próximos días 8 e 10 de setembro, unha nova edición das súas festas na honra da Virxe dos Remedios, que terá como grande atractivo unha verbena que se celebrará a cuberto ante o risco de precipitacións.
As celebracións iniciaranse o xoves 8 de setembro, ás 12:30 horas, coa misa solemne cantada polo coro parroquial de Arca. Ao seu remate terá lugar a tradicional procesión e un pasacalle a cargo do Grupo de Gaitas Os Alegres de Pontevedra.
O sábado día 10 a misa terá lugar ás 13:00 horas e será tamén cantada polo coro parroquial Arca. A procesión e a sesión vermú estarán acompañadas por Os Alegres.
Xa pola noite será a verbena amenizada por Arena e a Disco Móbil Dolce Vita.
A comisión de festas ante a previsión meteorolóxica cambiante optou por contratar unha gran carpa que estará instalada no campo da festa para asegurar a celebración dos actos festivos.
Ademais, a cantina terá prezos populares coa intención de ofrecer este servizo ás persoas que se acheguen ata o recinto das festas.