Cerdedo-Cotobade reclama medidas de seguridade na estrada N-541
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, reclámalle ao Goberno Central un plan integral de seguridade vial para a estrada nacional N-541 ao paso polo seu municipio.
Esta vía de comunicación de titularidade estatal vén de rexistrar tres accidentes en menos dunha semana o que evidencia, segundo Jorge Cubela, a necesidade de que desde o Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana así como desde a propia Delegación do Goberno en Galicia se impulsen medidas tendentes a garantir a seguridade vial desta estrada "ou, polo menos, nos tramos onde se rexistran asiduamente e de xeito reiterativo o maior número de sinistros".
"É imprescindible que desde o Goberno Central se tomen medidas", indicou o alcalde.
Cubela aproveitou a ocasión para volver reivindicar o papel "humanitario e asistencial" que xoga a Agrupación de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade. "Temos que estar ben orgullosos e agradecidos polo labor que fan", afirmou.