Bueu estrea o seu servizo de atención temperá para nenos de 0 a 6 anos
Por Redacción
Promover a igualdade, a saúde e a inclusión social. Ese é o obxectivo sobre o que traballará o novo servizo de atención temperá que vén de poñer en marcha o Concello de Bueu.
Estará destinado á poboación infantil de 0 a 6 anos que presenten trastornos do desenvolvemento ou estean en risco de padecelos, así como á súa familia e contorna, coa fin de facilitar a súa autonomía persoal e a súa inclusión.
O servizo, que se prestará nun local situado na Rúa Santán, será ofrecido por un logopeda, unha fisioterapeuta e unha psicóloga con formación e experiencia no desenvolvemento infantil, que desenvolverán todo un conxunto de intervencións.
A edil de Benestar Social, Ana Isabel Otero, explicou que aínda que a idea é detectar eses trastornos, o acceso ao servizo debe facerse dende pediatría do menor.
Este servizo finánciase no marco da rede galega da atención temperá, co apoio da Unión Europea no Programa Operativo FES Galicia 2014-2020.
As persoas interesadas en obter máis información poderán contactar co servizo no teléfono 623292191 ou no enderezo electrónico bueusat@gmail.com.